Olimpia López anima o terceiro sector de Lugo a optar ás axudas do SEPE para formar e empregar mocidade migrante

A convocatoria dos programas TándEM, dotada con 25 millóns de euros, permanecerá aberta ata o 24 de agosto

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, animou as entidades do terceiro sector da provincia a presentar proxectos á nova convocatoria de subvencións do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). As axudas, dotadas cun orzamento global de 25 millóns de euros, financiarán programas experienciais de emprego e formación TándEM.

A convocatoria está dirixida a persoas mozas estranxeiras cuxa garda ou tutela sexa ou fose asumida polas administracións públicas. As entidades interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 24 de agosto, exclusivamente por vía electrónica a través da sede do SEPE.

López salientou que «o compromiso do tecido asociativo de Lugo coa inclusión e a igualdade de oportunidades é clave para a nosa sociedade». Por este motivo, animou «as entidades do terceiro sector da provincia a presentar os seus proxectos e aproveitar esta ocasión para ofrecer formación e emprego remunerado á mocidade migrante, que ten maiores dificultades para acceder ao mercado laboral».

As subvencións permitirán financiar proxectos que combinen formación, emprego remunerado e acompañamento. O obxectivo é favorecer a inserción laboral da mocidade migrante tutelada e extutelada mediante itinerarios de cualificación profesional que alternen a aprendizaxe coa práctica laboral.

Poderán solicitar estas axudas as entidades privadas sen ánimo de lucro que acrediten a xestión de recursos habitacionais destinados a persoas mozas tuteladas ou extuteladas. Tamén poderán facelo aquelas organizacións con experiencia na xestión de programas públicos de políticas activas de emprego que colaboren con este tipo de entidades, así como as agrupacións de organizacións.

Os programas terán unha duración de doce meses. Durante os tres primeiros, as persoas participantes recibirán formación exclusiva e terán dereito a unha bolsa do SEPE. Nos nove meses restantes combinarán a formación cun contrato de formación en alternancia, o que lles permitirá adquirir experiencia profesional remunerada.

As accións formativas poderán centrarse na recuperación e promoción do patrimonio histórico, artístico, cultural ou natural; na rehabilitación de contornas urbanas e naturais; na eficiencia enerxética e nas enerxías renovables; ou en actividades baseadas na tecnoloxía dixital. Tamén poderán abordar outros ámbitos de utilidade pública ou interese social que contribúan á inserción laboral das persoas participantes.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com