Once empresas aspiran a desenvolver o proxecto da oficina de emprego e formación do novo barrio da Residencia

Un total de once empresas presentaron as súas ofertas para desenvolver o proxecto da nova Oficina de Emprego e Formación do Novo Barrio da Residencia en Lugo. Esta actuación súmase aos pasos xa dados para o Novo Centro Integral de Saúde, o primeiro que se porá en marcha en Galicia.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 1 de febreiro o anuncio de licitación do proxecto básico e de execución destas dependencias no que se abría un prazo de 15 días para presentación de ofertas. Para a execución do proxecto básico e de execución de obra establécese un prazo de execución de catro meses desde a sinatura do contrato. O  orzamento de licitación ascende a 56.842,90 euros, IVE engadido.

O Goberno galego dá así, un importante paso no impulso do Novo Barrio da Residencia, un proxecto clave para a cidade de Lugo que ten como obxectivo a transformación integral do antigo complexo sanitario, dotándoo de novos usos para a cidadanía, ao tempo que se logra eliminar barreiras e conectar o barrio da Residencia co centro da cidade.

Nova Oficina de emprego e formación

A nova oficina de emprego e formación ubicarase no edificio administrativo do antigo hospital Xeral de Lugo, no que se realizará unha importante rehabilitación. Este inmoble foi construído no 1973 e ao longo do tempo sufriu varias reformas interiores, pero en ningún momento se realizaron actuacións máis aló do acondicionamento interior. Nesta instalación integraranse as dúas oficinas de emprego que hai na cidade, o que permitirá un importante aforro anual en alugueiros, xa que estes servizos pasarán a ofrecerse nun único inmoble propiedade da Comunidade Autónoma.

O edificio conta con cinco plantas (baixa, primeira, segunda, terceira e semisoto). Nas catro plantas ubicaranse os servizos de emprego e formación, mentres que no semisoto estarán os servizos comúns e unha sala de conferencias. A rehabilitación realizarase sempre respectando as especificacións que establece o grao de protección que lle outorga a planificación urbanística da cidade de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com