" />

Os 4 museos da Deputación acollerán ata o 30 de abril o proxecto colectivo Nós+outrxs en rede

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, inaugurou este martes a mostra Nós+outrxs en rede que estará exposta ata o 30 de abril nos 4 museos da Deputación; Museo Provincial de Lugo, Pazo de Tor, Fortaleza de San Paio de Narla e do Mar. En paralelo á exposición, nos catro museos da Rede Museística levaranse a cabo obradoiros coordinados e xestionados polos propios artistas.

García Porto subliñou que “dende o Goberno da Deputación programamos durante todo o ano nos 4 museos da Rede Museística exposicións, obradoiros e actividades que promoven e defenden a igualdade, como o proxecto Nós+outrxs en rede, ao mesmo tempo que fomentamos e difundimos o traballo dos artistas da nosa provincia”.

Antes da inauguración da mostra, tivo lugar no Museo Provincial de Lugo unha mesa redonda na que participaron todos os artistas, para explicar as súas obras e a visión do proxecto da Deputación.

Nós+outrxs en rede é unha mostra na que participan 9 artistas que propoñen microproxectos individuais, produto das súas particulares reflexións arredor das problemáticas de xénero. Ademais, cada artista realizará un obradoiro co que se pretende establecer un diálogo con diferentes colectivos sensibles.

O horario da exposición é de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas, sábados de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.

Artistas
Carmen Porteiro: co proxecto Non son ninguén presenta unha serie fotográfica que xorde a partir dunha interpretación en formato audiovisual da obra de Maruja Mallo (postaleando, 2014) e da reflexión de Tania Balló sobre Las sin sombrero, un grupo de mulleres, entre as que se atopa Mallo: coa que se fai unha crítica da ausencia da muller na sociedade actual.
Cristina Basanta e Lucía Vila: participan con Conversas. Despois de traballar no proxecto Raíces, deciden continuar explorando conxuntamente con este tríptico. O interese polo traballo colectivo, a unión como raíz e a Mariña como lugar de encontro, enlazadas entre a paisaxe, as mulleres e o tempo.
Crystilandia: coa súa obra Corazón desarraigado busca…. Hai tempos nos que un corazón debe desarraigar, desprenderse das vellas follas e alzarse a voar, espallando novas sementes, para así atopar un novo fogar no que botar raíces.
Laura Varela: co proxecto Suspiro explora o efémero e ao mesmo tempo eterno que é o sentir. Catro imaxes que dialogan entre si cun haiku como refrán, como enlace, coma un latexo, como a respiración.
Elvira Fente: coa súa obra Womanhood describe situacións que permiten abrir novos debates sobre a condición feminina. Imaxes que espertan no público emocións, respostas e interrogantes. A obra divídese en tres bloques, que se corresponden coas tres etapas na vida da muller segundo a cultura celta; a inocencia, a maternidade e a sabedoría.
Julio Leira: participa con Vida Cotiá, unha serie de fotografías da súa colección Vida cotiá en distintos países, especialmente en Senegal, coas que trata de captar a esencia das persoas na súa vida diaria.
Kristopher Dios: participa coa obra The Wall, un exercicio de auto-expresión no momento no que autor descubre que é unha persoa transexual, unha obra conceptual que representa un muro no que se reflicten a modo de graffiti diferentes emocións.
Violeta Bernardo: co proxecto Muller/es, unha colección de pezas nas que se reflicte a forma de pensar da artista galega. O obradoiro que impartirá será Escultura cerámica comunitaria.

Obradoiros
Cristina Basanta e Lucía Vila coordinan dous obradoiros, Cademos de vida no que se explorará o interior das persoas a través da arte, e Labirinto emocional, no que se creará un espazo conxunto onde compartir as emocións plasticamente.
Crystilandia e Laura Varela presentan o obradoiro Eu son con temática de xénero destinada a persoas con capacidades diferentes.
Carmen Porteiro proponse a partir de Non son ninguén un obradoiro fotográfico. Estudáranse as técnicas fotográficas relacionadas coa nitidez na captura do movemento.
Elvira Fente coordina o obradoiro Técnicas de empoderamento a través da escrita que consistirá en dar a coñecer e poñer en práctica o uso da escritura. A sesión estará dividida en dúas partes. A primeira teórica, na que se exporán técnicas que permitan o achegamento a escritura e a palabra. A segunda parte será de carácter práctico, aplicando os coñecementos adquiridos.
Violeta Bernardo co seu obradoiro Escultura cerámica comunitaria traballará coa arxila nun proxecto de grupo, e ao remate farase un mural no que se integren as pezas de todos os obradoiros.
Julio Leira coordina o obradoiro sobre Diversidade, fotografía e diálogo intercultural.
Kristopher Dios propón o obradoiro A arte como terapia, co que reflexionará sobre a utilidade de crear como ferramenta de auto-coñecemento, de análise e sobre todo como terapia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo