Os delitos contra o patrimonio rexistraron un descenso en Guitiriz en 2017

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, copresidiron esta mañá a reunión ordinaria da xunta local de seguridade, na que se constatou un significativo descenso dos delitos contra o patrimonio rexistrados no municipio durante o ano 2017.

Ademais do subdelegado e da alcaldesa, na xuntanza participaron tamén representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.

A taxa de criminalidade de Guitiriz sitúase nas 16,67 infraccións penais por cada mil habitantes, o que supón máis de 4 puntos por debaixo da media provincial, 10,73 por debaixo da media galega e 27,23 por debaixo da nacional, atendendo aos datos oficiais feitos públicos polo Ministerio do Interior.

As estatísticas da Garda Civil analizadas na xuntanza desta mañá revelan un significativo descenso dos delitos contra o patrimonio e dos delitos contra as persoas rexistrados o ano pasado en Guitiriz, precisamente dúas das tipoloxías que maior preocupación xeran entre a cidadanía. Pola contra, soben lixeiramente os delitos contra a seguridade colectiva, como son os delitos contra a seguridade vial e contra a saúde pública, e os delitos contra a liberdade, tales como ameazas ou coaccións, se ben a súa incidencia segue a ser moi baixa no municipio, cunha media por debaixo dunha denuncia ao mes en cada un destes tipos penais.

O subdelegado do Goberno valorou “os bos resultados” do traballo desenvolvido polos corpos de seguridade con competencias en Guitiriz ao tempo que destacou o elevado índice de efectividade policial que se acadou. De feito, a Garda Civil esclareceu o 53% dos feitos delictivos rexistrados durante o pasado ano neste concello, unha porcentaxe que sobe ata o 74% no caso dos delitos de maior consideración (os catalogados como graves e menos graves). Os axentes detiveron a nove persoas e investigaron a outras 32 pola súa implicación en feitos constitutivos de delito.

Ramón Carballo informou tamén do labor desenvolvido nos centros de ensino de Guitiriz ao amparo do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar. Este plan pretende reforzar a educación, prevención e vixianza nos centros escolares poñendo á súa disposición a asistencia técnica que precisen para previr e abordar os episodios graves que poidan ameazar a convivencia escolar, así como axudando a mellorar o coñecemento de alumnado, pais e nais e profesorado sobre os problemas de seguridade que afectan aos máis novos.

No actual curso académico, representantes das Forzas e Corpos de Seguridade impartiron 4 charlas nos centros CEIP Plurilingüe Lagostelle y CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga, do municipio chairego: 2 sobre os riscos de internet e as novas tecnoloxías, 1 sobre violencia de xénero, e outra sobre o acoso escolar. Están pendentes de realizar outras 2 charlas sobre prevención de lumes forestais, a cargo de efectivos do Seprona. No curso 2016-2017, os centros guitiricenses acolleran un total de 7 charlas nas que se abordaron as mesmas temáticas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo