Os populares da Pobra do Brollón censuran a privatización de servizos municipais

O voceiro do PP na Pobra do Brollón, Fernando Parada, critica a privatización do servizo de mantemento do alumeado público e reparación de instalacións eléctricas municipais e do servizo de reparación e mantemento das redes de abastecemento de auga e saneamento do Concello.

Parada explica que “o Concello da Pobra do Brollón iniciou dous procedementos para a contratación destes servizos tal e como publicou no taboleiro de anuncios”. O prego de prescricións técnicas para a contratación do servizo de electricidade establece un prezo de 25.000 euros anuais; mentres que para o contrato de fontanería, se recollen 35.000 euros anuais.

Ante estes feitos, o voceiro do Grupo Municipal Popular amosa o seu interese por coñecer “os informes técnicos e económicos que avalen a privatización do servizo no caso de que determinen que esta condición suporía unha mellora dos servizos e/ou unha diminución do seu coste para as arcas municipais”.

Os populares lamentan que “o Goberno local do BNG aposte por externalizar servizos que poden realizar os operarios municipais e que, coa súa privatización, suporá a perda de oportunidades para xerar postos de emprego”. Igualmente, “se no procedemento aberto estes servizos son adxudicados a unha empresa de fóra do municipio, tamén se perde a posibilidade de ofrecer emprego aos veciños da Pobra do Brollón. En calquera dos casos, é un exemplo de prexuízo para as persoas desempregadas do municipio”.

Dende o PP da Pobra do Brollón lamentan estas políticas do rexedor nacionalista que “chocan coas críticas que o seu partido verte continuamente sobre o Partido Popular. Con estas iniciativas cáelle a careta ao BNG”, defendeu Parada.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo