" />

Os retratos e versos de Xela Arias enchen as rúas de Sarria

O pasado sábado inaugurábase en Sarria a exposición “Xela Arias. A poesía do retrato”, unha colección de fotografías realizadas por Xulio Gil xunto aos textos poéticos da autora, promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Os vinte paneis que forman a mostra, con retratos en branco e negro que dialogan con cadanseu texto, quedaron instalados en distintos puntos do centro urbano de Sarria, conformando un roteiro urbano pensado para socializar a poética da autora homenaxeada pola Letras Galegas.

“As Letras Galegas son sempre unha oportunidade para celebrar e reivindicar a lingua e a cultura, pero neste ano, Xela Arias, danos unha oportunidade excepcional para chegar aos novos públicos da literatura galega. Xela Arias é unha autora singular, que contribuíu a renovar a poesía galega dos anos 80 en temas, estilo e forma. Que procurou,  a través da palabra, novos espazos  para a denuncia social, para a afirmación da perspectiva feminista e  para a creación en galego ía por diante do seu tempo e iso outórgalle á súa voz unha gran capacidade
para conectar coas xeracións do século XXI, coas xeracións que temos que animar a vivir en galego”, sinalou Maite Ferreiro, durante a inauguración no Paseo do Malecón.

No acto, participaron Xulio Gil, autor dos retratos e compañeiro da poeta durante varios anos, Darío Gil, fillo da escritora e o fotógrafo, e mais Amparo Castaño e Marcos Arias, nai e irmán da autora. Tamén o deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, e a concelleira de Cultura de Sarria, Reyes Abella.

Os paneis da mostra instaláronse  na Casa da Cultura, na Praza da Vila, na Escalinata Maior, no Paseo do Malecón, no Parque do Chanto, na Rúa Ánxel Fole , no Parque Castro Agrasar e na Capela de San Lázaro, na rúa que ven de tomar o nome da autora.

“Xela Arias marchou de moi nova para a cidade de Vigo, pero nunca perdeu o seu vínculo con Sarria, e Sarria nunca perdeu o vinculo con Xela e a súa familia,  o legado da autora perdura e incluso conseguiu dignificar o rueiro da nosa vila apartando o nome dun fascista e poñendo o seu, facendo pasar esa rúa e un anaco de Sarria do gris ao violeta”, expuxo Efrén Castro, incidindo no feminismo da autora.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo