Os veciños da Milagrosa amosan á alcaldesa as deficiencias do barrio

Os veciños do barrio da Milagrosa levan tempo facéndose oir debido a múltiples factores, dende o avellentamento do barrio, ata, o máis recente e grave, problema de okupas nas casas baleiras. Tamén o Concello levaba tempo recibindo queixas da Asociación de Veciños e Comerciantes deste barrio xenlleiro da cidade, e hoxe, a alcaldesa, Lara Méndez quixo estar alí, cos veciños para escoitar algunhas das súas queixas e ver, de primeira man, as problemáticas reales deste barrio para poñerlles solución. 

O presidente da Asociación de Veciños da Milagrosa, Jesús Vázquez, agradeceulle á alcaldesa o seu interese no barrio e fíxolle algunha petición, entre elas, a limpeza dun soar de Eloi Maquieiras, a mellora da praza da Milagrosa, a colocación dunha fonte e papeleiras na Praza Agro do Rolo e a loita contra os okupas.

E o barrio da Milagrosa foi o elixido pola rexedora para anunciar que esta mesma mañá asinou un bando no que anuncia o inicio dunha campaña para promover a limpeza e mantemento de soares en toda a
cidade coa finalidade de previr incendios a través da que o Concello acurta os prazos para poder facerse cargo da roza de maneira subsidiaria, esto é, repercutíndolle despois aos propietarios o custe dos traballos. “Ás veces non temos as competencias, pero si temos a vontade de solucionar os problemas dos lucenses, entendendo ademais que o Concello é a primeira porta á que chaman sempre os veciños”, subliñou a rexedora.

Lara Méndez explicou que no bando, que sairá publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o vindeiro martes, lémbrase aos propietarios das parcelas, independentemente do tipo de solo no que se sitúen –urbano, urbanizable delimitado, urbanizable non delimitado ou non urbanizable-, a súa obriga de proceder ao roce e limpeza das mesmas para evitar as importantes molestias que ocasionan.

Igualmente, se comunica que inspectores municipais supervisarán o cumprimento dese deber e, no caso dos que se atopen sen rozar, o Concello procederá, se non hai alto risco de incendio, a ordenar o desbroce nun prazo de 15 días, coa incoación de expediente sancionador e apercibimento de execución subsidiaria, e se hai alto risco de incendio,
co informe xustificativo do servizo de Bombeiros, á execución subsidiaria de maneira inminente, pasando despois os custes aos propietario. Esta medida “dá resposta a unha ampla demanda veciñal de toda a cidade”, subliñou a alcaldesa.

Unha das cuestións máis esperadas pola veciñanza da zona e que hoxe referiu a rexedora foron os problemas de seguridade no barrio e lembrou que se aumentará a presenza da Policía Local na zona e que se aprobará unha ordenanza cívica, ademais de avanzar que, tras conversas cos veciños e co titular da casa 118 de Camiño Real, unha das que máis queixas recibiu por atoparse ocupada ilegalmente, a entidade titular do inmoble, o banco Sabadell, procederá a desocupar a vivenda e ao seu posterior tapiado de maneira inminente.

Para complementar a estas actuacións, Méndez confirmou que o Concello, a través da empresa municipal Evislusa, terá rematada a finais de ano a candidatura para que A Milagrosa opte a converterse Área de Rehabilitación e Renovación Urbana (ARRU) e recibir deste xeito axudas, o que “contribuirá a revitalizar o barrio, que non se siga deteriorando, e que volva a ser vivo, dinámico e atractivo para que aquí volva a xente nova”.

Na visita tamén participaron os concelleiros de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, ademais de técnicos municipais de Infraestruturas e Evislusa, e  axentes da Policía Local para resolver as cuestións e dúbidas plantexadas pola veciñanza.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com