OVICA presenta o receitario de cociña polo seu 25º aniversario

O voceiro do Goberno Provincial, Álvaro Santos Ramos, participou hoxe, xunto ao Concelleiro de Desenvolvemento Sostible de Lugo, Daniel Piñeiro Villares, e a Directora Técnica da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA), Noelia Ron Vega, na presentación do libro de receitas que a agrupación saca á rúa con motivo da celebración do seu 25º aniversario. No acto, que transcorreu na Praza de Abastos, realizouse unha degustación da empanada de cabrito de Pastores de Galicia, receita tradicional da cociña galega que recolle tamén o manual, co fin poñer en valor as carnes de cabra e de año, amosar a súa versatilidade na cociña e incrementar así o seu consumo. O sector conta na provincia coa maior porcentaxe de produtores de Galicia.

O libro recolle 6 receitas, 3 delas elaboradas, entre outros ingredientes, con carne de cabrito e 3 con carne de cordeiro, ambas as dúas co selo de calidade de Pastores de Galicia, a única marca de garantía que recoñece e certifica a calidade da carne de cordeiro e cabrito producidas en Galicia. O distintivo avala a crianza de cabritos e cordeiros por gandeiros galegos, asociada ao aproveitamento de recursos naturais, mediante o pastoreo das nais e a alimentación das crías a base de leite materno e cereais, servindo ao consumidor como acreditación de orixe e seguimento do produto, seguridade alimentaria e benestar animal.

Ademais, un total de 5 establecementos da provincia decidiron introducir nas súas cartas pratos elaborados con cabrito e cordeiro, co fin de promover o seu consumo entre a cidadanía. Estes son o Restaurante Suso, en Castro de Rei; Horta da Paula, en Mondoñedo; Restaurante Roma, en Sarria; Paprica e Mesón Crecente en Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com