" />

Patricia Otero: “se os galegos nos dan a oportunidade de desaloxar as políticas regresivas do PP, non vai haber problema en chegar a acordos”

Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago, vén de ser nomeada no último ano Secretaria Xeral pola provincia de Lugo do seu partido, o PSdeG, e actualmente figura como cabeza de lista para esta provincia, de cara ás eleccións autonómicas. Uns comicios marcados pola pandemia e que levan aos socialistas a ter claro que o vindeiro Goberno da Xunta de Galicia deberá apostar pola sanidade, a educación e os sectores primarios, claves, na nosa provincia.

Xornal de Lugo: Que pode ofrecer o PsdeG na nosa provincia a partir do domingo se sae elexido?

Patricia Otero: Atopámonos nun momento no que non podemos pasar por alto que a crise sanitaria do COVID-19 vai arrastrar tamén unha crise social e económica moi importante que esperemos que dure o menos posible. O PsdeG é un partido de goberno, vimos como das medidas que se adoptaban dende o Goberno central para paliar e mitigar as consecuencias desta crise beneficiaronse moitos lucenses, como pode ser dos ERTES, da prestación de cese de actividade para os autónomos, do Ingreso Mínimo Vital… E a Xunta non puxo medidas complementarias a estas do Goberno central, que son necesarias; Galicia foi a única que non apostou por ese tipo de medidas para axudar ás empresas. Esta crise puxo de manifesto unha necesidade que os socialistas levamos defendendo anos: uns servizos públicos de calidade, especialmente esa Sanidade que foi o talón de Aquiles de Feijóo. Unha sanidade, moito máis feble, que non é o que se merecen os galegos. Nós comprometémonos á creación desas 5000 prazas estables de profesionais sanitarios cunhas condicións dignas ao longo da lexislatura. A traballar para voltar a darlle entidade de Áreas Sanitarias a Monforte e a Mariña, que llas suprimiu o PP, porque non é só cambio de nome, senón que non teñen autonomía propia e dependen do Hula. Estivemos a ver como o único que se viviu na atención primaria nesta lexislatura foron recurtes, en persoal sanitario, en PSX… E aproveitaron a pandemia para pechar centros de Saúde como o de Parga ou o de Castro de Rei.
Outra aposta ten que ser a educación e hai que apostar por fortalecela. Outro tema fundamental é a Política Industrial, non é só Alcoa, que é o tema máis acuciante agora mesmo, senón que vimos como foron pechando moitas empresas industriais na comunidade. Un problema que temos na provincia é o do despoboamento do rural, que non se vai atallar nin solventar todo nunha lexislatura pero temos que fixarnos a meta a onde queremos ir co noso rural pero é fundamental poñer bós servizos públicos como farmacias e bancos. Temos que ter claro que o sector gandeiro, agrario, forestal e do mar ten demostrado o seu carácter estratéxico na nosa provincia. Polo tanto, hai que facer unha aposta decidida polo rural: Potenciación do banco de terras, incorporación de mulleres e de mozos á titularidade de explotacións, aposta polo I+D+i agraria, gandeira e forestal, pola formación neste sector…

XdL: Un dos temas que sen dúbida vertebran esta campaña electoral, é a crise sanitaria. Está claro que non hai precedentes dunha pandemia similar, pero a xestión dos diferentes axentes, as veces ponse en dúbida. Como cre que actuaron os diferentes gobernos (o estatal e o autonómico) ante esta situación?

P.O.: O goberno estatal, o primeiro que se puxo como meta nese momento era atallar a crise sanitaria. O que foi fundamental e serviu para atallar a crise sanitaria e as mortes foi o decreto do Estado de Alarma co posterior confinamento, permitiu parar o virus e salvar vidas. Eso era o primeiro, evitar que o virus seguira transmitíndose, pero despois o Goberno non pasou por alto o que se viña enriba e que era necesario un escudo social e económico con medidas que non deixan a ninguén atrás: axudas a autónomos, os ERTES aos traballadores, non permitir que a ninguén lle cortaran auga e luz, as moratorias… Agora vaise vir enriba unha crise económica, o Goberno está traballando en Europa para conseguir os medios que freen esta crise.
Agora as competencias tenas a Xunta de Galicia, agora tócalle a Núñez Feijóo xestionar este brote da Mariña a Feijóo e non compareceu nin un só día ante os galegos para dar conta da xestión deste brote de COVID19 na Mariña cando antes, case a diario, comparecía nos medios, agora nin está nin se lle espera.
Cando o mando único era do Goberno central, facía oposición e replicaba cada decisión que se tomaba dende Madrid, agora os mariñáns preguntámonos porque se esconde o Partido Popular e, sobre todo cales son os datos reais da pandemia na comarca, porque a día de hoxe se descoñecen. Os rexedores non teñen a información veraz que se lles debera trasladar dende a Consellería de Sanidade. Ese mando único que tanto reclamaba Feijóo está agora na Xunta e non é capaz de xestionar esta situación e traslada toda esa responsabilidade aos Concellos; iso si, sen dar ningún recurso, nin material nin económico. Antes botaba balóns contra o tellado do Goberno central e agora contra o dos concellos.

XdL: En canto a sectores, un dos máis afectados é a cultura, negocios que aínda que abran ao público moita xente non acode ou ben por medo ao contaxio ou ben porque cando hai unha crise a xente prescinde do ocio e o sector resíntese. ¿Como pretenden abordar este tema?

P.O.: O que está claro é que se éramos a primeira comunidade que quería saír do estado de Alarma, agora quen leva o timón ten que ter un protocolo e ten que ter contempladas todas as situacións que se deriven desta situación. É a propia Xunta a que ten que dotar dos mecanismos para que a xente volte á normalidade en condicións de seguridade; falamos do ocio, da cultura e de todos eses sectores que sufren as consecuencias destas limitacións e do medo que pode ter a xente. As administracións teñen unha responsabilidade moi grande, pero os veciños tamén a temos de cumprir coas medidas sanitarias para rematar con este virus. A aqueles sectores máis desfavorecidos nesta nova normalidade, dende a Xunta terán que poñerlles os mecanismos (axudas, asesoramento…) para que se resintan o menos posible.

XdL: Nos últimos días estamos vendo como A Mariña está a sufrir un gran rebrote de coronavirus, vostede foi unha das persoas que suspendeu os actos de campaña durante esta semana dixo, por responsabilidade. Cre que sería responsable tamén suspender ou aprazar os comicios nesa comarca, como propuxo días atrás a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro?

P.O.: Eu decidín, por responsabilidade, o pasado domingo, non participar en ningún acto electoral no que restaba de campaña, salvo naquelas actividades que non impliquen contacto directo cos veciños como pode ser a través dos medios de comunicación ou das redes sociais. Resido na Mariña, en Burela e considerei que a prioridade é loitar contra a propagación do virus e ninguén sabe se é positivo ou transmisor do virus e creo que o que nos tocaba aos candidatos da Mariña ter a mesma coherencia que se lles pide aos veciños da comarca. A clase política temos a obriga de dar exemplo.
No relativo a aprazar ou non os comicios na comarca, cando Feijóo convocou, unilateralmente, as eleccións para o 12 de xullo, sen contar con outras forzas políticas, como prometera; nós diciamos e mantémolo, que non era máis axeitada que a data de abril porque non sabiamos como ían responder eses posibles rebrotes; advertíamolo diso e non nos fixo caso. Agora, o que está claro, é que se convocou as eleccións, ten que ter un protocolo no que contemple todos os escenarios, e un escenario era este: que se dera un rebrote nunha comarca, ou en parte dela. Nós pedímoslle que lles garanta aos veciños que poden exercer o seu dereito ao voto nunhas condicións de seguridade. Non se lle pode privar a ninguén do seu dereito ao voto por estar confinado na súa casa por unha falta de previsión do Goberno da Xunta. Nós pedimos: transparencia nos datos, seguridade sanitaria para todos os veciños da Mariña, e que aqueles que podan votar o fagan en condicións de seguridade.

XdL: Considera o peche da Mariña por só cinco días unha medida electoralista?

P.O.: Consideroo unha medida totalmente electoralista, pois hai que recordar que dous días antes de decretar o confinamento da Mariña, o presidente da Xunta aseguraba que o brote desta comarca estaba controlado, que non había razóns para voltar á Fase 2, e o domingo, de súpeto, convocan aos alcaldes e comunícanlle que van decretar o peche da Mariña dende as 00.00 horas do luns e por só cinco días. Foi unha decisión exprés, e unha medida exprés. Porque estamos confinados de luns a venres, o domingo podemos ir votar , non atopamos explicación científica a que con 5 días se pare a transmisión do virus, cando vimos que as medidas eran de 14 días. Non entendemos porque a veciños da comarca que están dando negativo ao test da Covid-19, impónselles unha medida de confinamento nas súas casas de 14 días. Vémolo como unha decisión totalmente electoralista e que non sirve, en ningunha medida, para parar a transmisión do virus, que é o fundamental.

XdL: Nas últimas enquisas, sae favorecido o PP fronte aos partidos da esquerda e fálase dunha unión a varias bandas. Estarían dispostos a favorecer un goberno multipartito? Non entorpecería a súa xestión?

P.O.: A única enquisa que vale é a do próximo 12 de xullo. Nós, no PsdeG, estamos moi acostumados a que falaran moitas veces de sorpaso, ou tamén de que íamos ser unha forza política testimuñable sendo o partido con máis antigüidade. Estamos acostumados a esas informacións, moitas veces, de partes interesadas. O único resultado é o que decidan os veciños o próximo 12 de xullo. A esquerda está chamada a entenderse, en Galicia e en España. Pero non lle temos medo a pactos ou coalicións, na provincia vimos gobernos de coalición PsdeG-BNG en moitos concellos e na propia Deputación, e vimos como serviu para poñer medidas progresistas que beneficiaban a moitos veciños. Nós agora mesmo estamos en Madrid presidindo o primeiro de coalición con moitas medidas que beneficiaron a moitos veciños da provincia.
Polo tanto, se os galegos nos dan a oportunidade de desaloxar esas políticas regresivas, do PP na Xunta, non vai haber problema en que as forzas de esquerdas se poñan dacordo para desbancar ao PP da Xunta e poñer a Galicia no lugar que se merece. E que claro, a política de pactos e coalicións parece que nola queren imputar e que sexa un copyright da esquerda pero agora tamén é cousa da dereita: se a Feijóo non lle chegan os votos o próximo domingo e necesita unha forza de ultradereita como VOX para gobernar, non vai dubidar en negociar ou coalicinarse con esta forza.

XdL: E xa para rematar pedir voto?

P.O.: Avecíñanse tempos non doados, épocas complicadas e nas que van ser fundamental poñer políticas enriba da mesa que pensen nas persoas, que non deixen a ninguén atrás e iso só o vai facer o PsdeG. Temos un aval que nos dí que si somos capaces de gobernar pensando na xente, cabe recordar como xestionaron outros a crise do 2008/2009, machacando á clase traballadora, recurtando dereitos sociais e rescatando aos bancos en lugar de rescatar ás persoas. Por eso pido que o domingo confíen no Partido Socialista porque aqueí, nesta provincia non vai deixar a ningún lucense atrás.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo