Pena Souto, “un dos nosos”

Ven de deixarnos José Serafín Pena Souto, empresario e político lucense, membro do Partido Popular, con trinta e tres anos de concelleiro no consistorio de Lugo.

Hai algo máis de seis anos os veciños de San Lourenzo de Recimil rendían homenaxe ao que chamaban “un dos nosos”, non só pola súa pertenza a coñecida familia da parroquia senón por ter vivido nela desde os catro anos, e por devoción á súa persoa.

Serafín Pena Souto, coñecido empresario, impartiu clases particulares, traballou na Xefatura provincial de Gandaría, instalou mesas de futbolín en establecementos de hostalería, e creou o primeiro salón de máquinas recreativas do norte de España, no Campo Castelo, e logo en Bispo Aguirre – El Recreo-, promoveu negocios de decoración, unha florería, foi empresario taurino, incidiu na construción, e por fin na hostalería con Los Tilos, a cafetería San Marcos, ou a Casa Grande de Nadela.

Antes da aparición dos partidos, participou nas eleccións polo tercio familiar, e xa en Alianza Popular e logo no Partido Popular, foi concelleiro en Lugo desde 1974 a 2007, sendo membro da primeira corporación democrática, e o concelleiro que máis tempo estivo en activo no concello de Lugo. Membro do Parlamento de Galicia durante dúas lexislaturas, o seu papel máis importante foi o de concelleiro en Lugo, con especial dedicación á zona rural onde tivo moi destacada influencia. Nunca o Partido Popular tivo tanta incidencia no rural lucense como nos tempos de Pena Souto, ao que mesmo os seus contrincantes políticos o coñecían como “O suave”, polos seu ser e estar, por non levantar nunca a voz, por falar pausadamente, por falar con todos e de todo, e porque case sempre conseguía o que se propoñía a prol do rural lucense.

Durante o seu tempo no concello, conviviu con oito alcaldes, nomeou pedáneos, xestionou cesión de terreos, promoveu obras, abriu camiños, mellorou electrificacións… era o home do campo lugués. Coa súa morte desaparece un dos máis dialogantes, e un dos máis constantes que houbo no concello de Lugo, e del quédanos a memoria dun home incansable que coñecía, entendía e quería ao agro lucense.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com