Pepe Peinó, candidato do PP á alcaldía de Alfoz

O Partido Popular de Alfoz vén de elixir como presidente local ao actual voceiro do Grupo Municipal, Juanjo Fraga, que sucede no cargo a Emilio Lousas. Durante a xuntanza presidida pola presidenta provincial do PP, Elena Candia, a agrupación local tamén elixiu por unanimidade como candidato á alcaldía a Pepe Peinó, proposto pola nova xunta directiva do partido no municipio.

Candia trasladou a confianza e respaldo á agrupación local e a Juanjo Fraga “coñecedores das necesidades do municipio; persoas que apostan por este pobo e polo seu rural, convencidos de que o PP é a mellor forza política para impulsar o mellor futuro posible para a localidade, centrándose nos seus recursos e na súa xente”. Así mesmo, puxo en valor “o traballo que está a desenvolver o Grupo Municipal do Partido Popular sempre ao servizo das peticións dos veciños”.

“Os logros do Partido Popular no municipio contrastan coa falta de compromiso do Goberno local que ten desatendidos aos alfocenses”, asegura a dirixente popular. “A mala xestión municipal reflíctese no feito de que nin tan sequera conseguiron investimentos relevantes da Deputación de Lugo, pese a ser da mesma cor política que o alcalde. Tivo que ser o PP grazas ao Plan Único o que conseguiu o maior esforzo por parte da administración provincial”, manifestou Candia.

O novo presidente do PP de Alfoz, pola súa banda, apuntou que “asumo este cargo convencido de que o Partido Popular é a mellor opción para o concello de Alfoz; xa que, como dixo o seu fundador, é o Partido que máis se parece a Galicia e, consecuentemente, a Alfoz”.

Fraga cre que “os afiliados desta agrupación merecen que poña todo o mellor de min e que traballe para facer que o noso partido sexa a forza maioritaria do concello. Sempre apostei por Alfoz, desde o remate da miña formación, como lugar de residencia e tamén para impulsar os proxectos laborais que van xurdindo”.  Por todo isto, como novo presidente da agrupación popular no municipio, considera que “Pepe Peinó é o candidato ideal para dar un xiro de 180 graos ao rumbo do noso Concello que leva catro anos sumido no desentendemento dos gobernantes e na procura dos intereses particulares mentres abandona as necesidades dos alfocenses”.

Pola súa banda, o candidato popular á alcaldía de Alfoz, Pepe Peinó, asegura que “entendo a política como un medio de servizo público para axudar aos veciños e veciñas”. Por iso, márcase como prioridade “ofrecer un mandato sen ningún tipo de enfrontamentos”, senón avogando polo “entendemento” para “favorecer a convivencia dos alfocenses”.

O alcalde desminte aos populares

Pola súa banda, e ante as verbas dos populares, o Alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz, aclarou que “case a totalidade das estradas e camiños municipais están acondicionados para que os nosos veciños poidan circular por eles con total seguridade”.  O rexedor socialista explicou que durante todo o ano o goberno municipal realiza os traballos de mantemento e limpeza das vías que transcorren polo Concello mariñán.

“O señor Fraga está mentindo descaradamente. É lamentable que esa sexa a súa forma de facer política. Ademais, é curioso que critique que as cunetas non están limpas cando el é o primeiro que non o fai, pois ten unha actividade agraria e para acceder ás fincas encher as cunetas en vez de colocar salvacunetas”.

“Parece que o voceiro do PP espertou do letargo no que estivo inmerso toda esta lexislatura e agora quere facer o que non fixo durante estes 3 anos e medio. Agardamos que presente iniciativas que de verdade busquen a mellora das prestacións públicas dos nosos veciños e non este tipo de difamacións que o único que fan é desprestixiar a súa persoa”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com