" />

Persoal de Mersant Seguridade mobilízase en Lugo para esixir o cobro dos seus salarios

Traballadores e traballadoras de Mersant Seguridade concentráronse este mércores diante da delegación provincial de Política Social en Lugo para esixir o pago inmediato dos salarios adebedados e que a Xunta rescate o contrato ante os incumprimentos da empresa e a incerteza sobre a súa situación financeira.

A día de hoxe, Mersant Seguridade ten pendente de abonarlle ao persoal as nóminas de decembro e a paga extraordinaria de nadal e xa lle comunicou, mediante unha nota interna, que atravesa “dificultades económicas” para facer fronte ao pago dos salarios.

Ademais, explica Xosé Paz, da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, a empresa ten unha débeda coa Facenda Pública de preto de tres millóns de euros e tampouco está ao corrente de pagos coa Seguridade Social, “motivo polo que pedimos á Consellería de Política Social que rescinda o contrato con esta empresa o antes posíbel e proceda a adxudicar o servizo a unha empresa solvente”.

Mersant Seguridade, engade Paz, está incumprindo as cláusulas administrativas que rexen os procedementos de contratación do sector público, que marcan como causa de resolución do contrato a falta de pago dos salarios por parte do contratista.

“As consecuencias de contratar empresas de baixo custe están a vista, ao final acaban pagando sempre os mesmos, os traballadores e as traballadoras”, denuncia. Neste senso, lembra que nos servizos de seguridade privada da Consellería de Política Social “xa chove sobre mollado”,  posto que hai uns anos estes mesmos traballadores estiveron acampados nunha caravana preto de tres meses diante do edificio da Xunta en Lugo reclamando o seu dereito a subrogación e a cobrar os seis meses de salario que lle debía a empresa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo