Piden eliminar o carril bus da rúa Montevideo para instalar zonas de carga e descarga

Poucos resquicios quedan no casco histórico de Lugo de cando os coches podían atravesar a Muralla de lado a lado case por calquera das portas. Tan só quedan agora dúas entradas en coche ao casco histórico e, unhas delas a rúa do Teatro, sen máis traxectoria que a de chegar a unha rotonda para voltar por onde se veu.

A outra vía de entrada ao interior do monumento por excelencia da capital, é a rúa Montevideo. Unha vía que conta con dous carrís, un deles para o tráfico común  e outro un carril taxi bus que, a partires de certas horas, convírtese nunha zona de aparcamento máis.

O tráfico nesta vía é intenso a certas horas pois da acceso a dous aparcadoiros, ao hospital Nosa Señora dos Ollos Grandes, ao Centro de Sáude da Praza do Ferrol, ao Colexio da Milagrosa e a garaxes privados, entre outros moitos negocios. Ademáis é a vía de entrada para os praceiros e as súas mercadorías, nun momento no que case todo o interior da Muralla é peonil.

Así, o grupo popular do Concello de Lugo propuxo ao Goberno local unha solución “rápida, sinxela e sen un gran custe” que facilitaría, precisamente, rebaixar esas horas caóticas de tráfico ao establecer, no carril taxi-bus, unha zona de carga e descarga. Unha petición trasladada tamén polos principais distribuidores de mercadorías que operan na cidade.

Para os populares, “carece de sentido” a zona reservada para buses e taxis dende a peonalización de Quiroga Ballesteros. A súa idea é respectar as dúas paradas de autobús que hai nesta vía para dar servizo ás catro liñas de autobús que arestora entran no casco histórico e logo habilitar 30 prazas novas para a carga e descarga e
outras tantas para aparcamento lineal. Deste xeito esta rúa Montevideo sería un referente para a distribución de paquetería, alimentación e outros productos que precisen os negocios do centro.

Pola súa banda, o Goberno local, preguntado por este tema,  respostou que traballan para reducir o número de vehículos a motor que circulan no interior do recinto amurallado “e estamos a facer un importante esforzo en aumentar os espazos peonís destinados ao desfrute da veciñanza”.

O edil de Infraestruturas afirmou que “eliminar o carril bus da rúa Montevideo suporía aumentar o tráfico itinerante na zona e dificultar que a veciñanza chegue en bus ao centro da cidade”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com