" />

Pinchazos

Non sei cales son as sinrazóns dos negacionistas para crer que non existe a pandemia que nos abafa desde hai 21 meses. Nin creo que cheguen a importarme os argumentos para non vacinarse, cando parece o único remedio para salvar a vida.

Levo tres vacinas; e xa se anuncia unha cuarta, coa seguridade de que o problema veu para quedar e hai que loitar contra el con todas as nosas forzas e con todos os medios que a ciencia pon ao noso dispor.

Notamos que os maiores pasean menos polas rúas, que o pecharse é obrigado polo medo ao que pode pasar, que coñecidos nosos sucumbiron ao becho, palabra que antes só se usaba para o cancro e agora tamén serve para ise inimigo traicioneiro… E moitas persoas teñen medo da escuridade do futuro previsible.

O primeiro pinchazo tranquilizounos, o segundo empoderounos, e o terceiro situounos nun nirvana sanitario no que coidamos estar por riba do mal da pandemia, e do mal normal da vida cotiá, notando unha íntima seguridade ao saber que a maioría dos infectados, e dos que caen nesta guerra sen cuartel son os non vacinados, do mesmo xeito que a maioría dos mortos no tráfico non levaban posto o cinto de seguridade.

E de repente aparecen novas cepas de virus máis poderosas, soben os contaxios, entramos en fases perigosas, vacinan os nenos… e a nosa seguridade afloxa pensando se esto será o conto de nunca acabar, pero reafírmase na necesidade de que hai poñer boa cara ao mal tempo, e pensar que cando un ano remata pode xerar unha barreira moral que separe tempos e alente os ánimos. Pois a ver se 2022 nos anima un pouco, que este século XXI está resultado un tanto ingrato.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo