O concello aproba o seus orzamentos grazas aos votos do PSOE e Lugonovo

O concello de Lugo aproba os presupostos para o ano 2016 grazas aos votos favorables dos concelleiros do PSOE e de Lugonovo. As contas públicas sairon adiante malia contar co voto en contra dos 9 concelleiros do Partido Popular e as abstencións de Ciudadanos, o BNG e ACE-Esquerda Unida.

Os aprobados hoxe son os primeiros orzamentos de Lara Méndez como alcaldesa e ascenden a uns 90,9 millóns de euros, un 2,7% menos que o ano 2015. Entre os investimentos que recollen atópanse uns 600 mil euros para a humanización da rúa Infanta Elena, 80 mil para a sinalización de Lugo como zona 30 ou 40 mil euros para a instalación duns baños públicos no parque Rosalía de Castro. Tamén se impulsará un plan de emprego de carácter municipal dotado cun orzamento de máis dun millón de euros.

A alcaldesa Lara Méndez celebraba a aprobación destes presupostos, baseados, dixo, nun modelo que busca unha maior cohesión social. Méndez salientou a boa predisposición a negociar por parte dos distintos grupos, e sinalou que esta predisposición ao diálogo é “símbolo dun novo escenario político que vai marcar un antes e un despois”.

A alcaldesa agradecía especialmente o respaldo dos concelleiros de Lugonovo. Para o voceiro da plataforma, Santiago Fernández Rocha, a decisión de respaldar os orzamentos foi un exercizo de “responsabilidade e coherencia”.

Con todo, ao longo do debate plenario as contas públicas recibiron críticas por parte dalgúns dos grupos da oposición, especialmente por parte do Partido Popular que votou en contra das mesmas. O seu voceiro Jaime Castiñeira criticou a tarzanda do grupo de Goberno en presentar o proxecto e acusou ao executivo local de estar “falto de ideas e de xestión”.

O resto de grupos decidiron optar pola abstención. O voceiro do BNG no concello, Rubén Arroxo amosou as súas dúbidas acerca de que se vaian a cumprir moitos dos investimentos reflectidos nas contas públicas xa que hai, dixo “partidas importantes que dependen doutras institucións”. Neste sentido engadía: “Necesitamos que o Goberno demostre que é capaz de cumprir os acordos”.

Dende Ciudadanos, Olga Louzao, apuntaba que o seu grupo “está disposto a deixar facer”, aínda que advertía de que o executivo local “ten só nove meses para demostrar que saben o que queren”.

Por último, o edil de ACE-Esquerda Unida, Carlos Portomeñe criticaba que de nada serve aprobar as contas se logo non se executan todas as partidas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com