" />

Portomeñe anuncia unha oficina da Policía Local nos terreos da Estación de Autobuses

O candidato á alcaldía de Lugo por Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida- Equo, Carlos Portomeñe, anunciou o seu proxecto para os terreos nos que se atopa actualmente a Estación de Autobuses, o antigo “Campo da Feira”.

ACE-EU-EQUO propón realizar un completo proxecto urbano que mantería un intercambiador intermodal nesa ubicación, para que permaneza unha conexión de autobuses céntrica, algo que a cidadanía lucense demanda. Dito intercambiador asumiría o transporte de autobuses metropolitanos ou comarcais rurais (conectan os núcleos coas capitais provinciais), o de visitantes, o municipal urbano, o municipal rural e unha parada de taxis.

Para afondar na mellora da mobilidade sostible e fluída, ao mesmo tempo, ampliaríase o número de prazas do aparcamento subterráneo actual, redeseñándoo para agrandar as prazas actuais onde sexa necesario; e se construiría un aparcamento cuberto ou subterráneo para bicicletas e motocicletas que inclúa un punto de aluguer de bicicletas eléctricas municipais. “Non temos por que renunciar á intermodalidade para manter o servizo necesario que aporta contar cunha estación de autobuses céntrica. Cun intercambiador, que non consiste en máis que nunhas dársenas ben plantexadas, a xente de dentro de fóra de Lugo poderá seguir subindo e baixando de calquera bus nesa privilexiada ubicación”, explica Carlos Portomeñe.

“O problema é que o PSOE quere un proxecto de intermodal especulativo, insistindo de novo en mamotretos residenciais e grandes superficies comerciais que Lugo non precisa, e ignorando as verdadeiras necesidades da cidadanía”.

No lugar do Edificio da Estación de Autobuses, ACE-EU-EQUO situará unha delegación da Policía Municipal que inclúa servizos que requiren dun maior contacto coa cidadanía que vive, traballa ou transita polo centro da cidade, como pode ser a oficina de obxectos perdidos. Ademais, situaría tamén neses terreos unha zona verde que integre un barrio de artistas, composto por locais de ensaio para músicos, obradoiros para artistas e artesáns, e locais de ensaio para artes escénicas. Deste xeito trazaríase o eixo urbanístico das artes musicais, plásticas e escénicas; que iría dende o centro cultural do Vello Cárcere ata a rúa Ramón Montenegro, a través da Mosqueira e da praza Mártires de Carral.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo