Posible demanda colectiva contra CaixaBank

A Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (ACOUGA) estudaría a posible interposición dunha demanda colectiva no caso de que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) declare abusivas as cláusulas IRPH (Índice de Referencia dos Préstamos Hipotecarios). O presidente da Asociación, Manuel Pérez Arias, expresa a súa satisfacción co informe do avogado xeral da Unión Europea, porque “abre unhas posibilidades importantes” para os consumidores afectados por estes índices hipotecarios.

O secretario xeral da asociación, o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, lembra que, ademais do avogado xeral, a Comisión Europea entende que os xuíces españois “deberan poder entrar a valorar en cada caso se a cláusula podía pasar os controis de incorporación e transparencia para determinar se era abusiva ou non”.

Ata o de agora, explica Pérez-Lema, a xurisprudencia do Tribunal Supremo, segundo unha sentenza de decembro de 2017, impedía que fosen analizadas estas cláusulas por considerar que os tres IRPH que existían, como eran índices oficiais publicados no BOE, non podían ser obxecto de control xudicial.

“Agora o que veñen dicir o avogado xeral e a Comisión Europea é que esas cláusulas deben ser sometidas a control para ver se en cada momento se cumpriron”, di o secretario da Asociación. “Trátase –engade- de índices de elaboración moi complexa matematicamente, que se non hai unha información exhaustiva pode producir prexuízos”.

ACOUGA anuncia que se o Tribunal de Xustiza da Unión Europea declara abusivas as IRPH, nunha sentenza prevista para os primeiros meses de 2020, estará en condicións de dar a coñecer a demanda colectiva que estudan presentar en Galicia contra CaixaBank, a entidade que comercializou na Comunidade Autónoma case a totalidade das hipotecas suxeitas a este índice.

Cómpre recordar que ACOUGA gañou en novembro do ano pasado unha demanda colectiva contra Abanca sobre devolución de cláusulas de chan á que se incorporaron preto de 1.500 consumidores.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo