O PP afirma que os veciños da Rúa Miñato seguen sen seneamento e abastecemento

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, asegurou que os veciños das 21 casas e 3 naves industriais do entorno da Rúa Miñato seguen sen ter abastecemento e saneamento porque “quere” o goberno local. Ameijide fixo esta denuncia para reclamar aos socialistas que cumpran os acordos plenarios deste Concello xa que recordou que dende o ano 2014 está pendente o cumprimento do acordo, que se levou a
pleno a iniciativa do Partido Popular, para dotar de saneamento, abastecemento e mellorar as infraestruturas nesta zona da cidade. Por iso, o popular anunciou que o seu grupo levará ao vindeiro pleno unhaproposta para dotar de saneamento  e abastecemento aos veciños da Rúa Miñato e Camiño das Regas.

O voceiro popular recrimina ao goberno local á tardanza en acometer estas actuacións, máxime tendo en conta que no Concello xa hai un informe do xefe de servizo de enxeñería, de novembro do ano 2014, no que se asegura “a total viabilidade” destes traballos. Neste informe valóranse todas as posibilidades existentes para dotar de servizos aos veciños desta zona, xa que nas proximidades atópase o Polígono Industrial das Gándaras, a ampliación do mesmo polígono e unha urbanización. Todas elas zonas dotadas de servizos, polo que “só habería que estudar a mellor posibilidade” para conectar a Rúa Miñato a estas zonas.

Neste senso, Antonio Ameijide di que, no intre de facer o informe, había unhas obras nas proximidades, polo que non habería moitos atrancos para acometer os traballos na rúa Miñato. Segundo o informe “a proximidade da condución de abastecemento facilita enormemente a dotación de abastecemento á rúa Miñato e Camiño das Regas”. Por iso, o voceiro popular afirma que “os veciños desta zona non teñen estes servizos, tan necesarios para eles, porque os socialistas non queren que os teñan”.

Ameijide incide na “enorme necesidade” de levar o saneamento e o abastecemento a esta zona de Lugo xa que na actualidade os veciños abastécense grazas a pozos propios de barrena e a única solución para o saneamento son fosas sépticas, unha solución que pode ter riscos para a saúde xa que “hai demasiadas fosas nun espazo moi reducido”.

Por iso o voceiro popular insta a Lara Méndez a realizar a conexión destas vivendas ao anel hídrico que rodea a cidade — e pasa por diante de varias das vivendas afectadas— para que teñan abastecemento, unha actuación que o xefe do servizo de enxeñería municipal cuantifica en menos de 100.000€ (97.436,50€ IVE incluído). Tamén insta Ameijide a acometer o saneamento, uns traballos que precisan dun estudo previo, xa que habería dúas posibles actuacións: conectar as vivendas co saneamento do barrio das Gándaras ou conectar coa Campiña. Para iso habería que realizar un estudo topográfico para decidir cal é a mellor opción.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com