O PP denuncia que Lara Méndez tenta “silenciar” á oposición cun documento “mordaza”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denunciou que Lara Méndez realizou esta mañá unha “nova tentativa de silenciar” a todos os concelleiros que forman o pleno do Concello de Lugo, a través da sinatura dun documento, enviado a través dun correo electrónico remitido dende un dos órganos de alcaldía, no que quere “amordazar” á oposición.

En vista dos populares, neste escrito preténdese acadar un “silencio total” por parte dos concelleiros, limitando “na totalidade” o traballo de oposición que se realiza dende os grupos. Un documento que converte a Lara Méndez na “alcaldesa da Inquisición, censurando todas as informacións” para tapar a pasividade e o nulo traballo que realiza á fronte do goberno.

Antonio Ameijide explica que o documento está formado por seis puntos, moitos deles obviedades. Concretamente, no terceiro deles se pide textualmente “non divulgar a información que reciba ao longo da miña relación co Concello de Lugo”, o que, segundo Ameijide, na práctica significa “renunciar a facer oposición no que nos queda como concelleiros durante este mandato”.

Neste eido, o popular recalca que desde o Grupo Popular sempre se traballou co “máximo respeto” á Lei e á confidencialidade das informacións, “algo que seguiremos facendo sempre”, pero “non estamos dispostos” a que “nos poñan unha mordaza na boca para que non poidamos denunciar e informar aos cidadáns de todo o que sucede na xestión diaria do Concello”.

Ademais, o sexto punto do documento, foi o que peor sentou aos populares que, ven nel, “unha ameaza directa” a todos os concelleiros xa que especifica que “de non cumprir coas obrigas contraídas asinando o mesmo”, os concelleiros quedarán expostos a ser castigados “coas sancións” que se estimen oportunas.

Antonio Ameijide denuncia que “quedan demostradas unha vez máis as malas prácticas” dos socialistas na xestión do Concello de Lugo, e “o único que faltou nesta ocasión foi que mandaran o documento de noite”. Os socialistas seguen “a facer todo o posible” para limitar o traballo de oposición o que, explican, deixa en “evidencia” unha falta total de transparencia, “impropia dun equipo de goberno democrático do século XXI”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com