Preocupación polo peche do punto de Encontro Familiar durante parte do mes de agosto

Desde a Asociación Si, hai saída contra a violencia de xénero queremos manifestar a nosa preocupación polo peche, unha vez mais, do Punto de Encontro Familiar, durante parte do mes de Agosto, concretamente desde o día 4 ao 18.

 Novamente, como xa dixemos hai un ano, nos reiteramos na nosa opinión de que é totalmente ilóxico que un servizo como o PEF peche as súas portas, e menos aínda nunhas datas nas que, por razóns obvias, os intercambios dos menores entre ambos proxenitores que poden ser susceptibles de conflito, e ao que non esquezamos, acoden por resolución xudicial, se incrementa por mor período vacacional.

 É un total sen sentido que se estea a falar continuamente do reforzo de medidas para tentar paliar a violencia de xénero, e, sen embargo, ano tras ano, se expoña a mulleres e menores a un posible perigo, xa que non dispoñer dun punto neutral onde realizar o intercambio dos menores pode ser, e de feito así sucede en moitos casos, un detonante para recrudecer os conflitos xa existentes.

 Non cuestionamos en absoluto o dereito ao descanso do persoal dos PEF, polo que, desde a nosa asociación, pensamos que, xa que o Concello de Lugo recibiu, por mor do Pacto de Violencia de Xénero unha partida económica destinada a accións contra a violencia machista, se lles podería ofrecer, aos usuarios afectados polo peche dos PEF, unha alternativa.

 Por outra banda, e en relación coa problemática da Casa da Muller de Lugo, motivada pola falta de persoal, algo que está a ocorrer tamén cos pisos de acollida, debido a baixas de parte do persoal, e do que se están a facer eco algunhas formacións políticas, gustaríanos suliñar que as eivas no funcionamento do CIM son algo que está no aire desde hai xa anos, e do que en Si, hai saída nos fixemos eco desde o momento no que iniciamos a nosa traxectoria, algo que nos granxeou non poucos problemas, xa que, lamentablemente, topamos coa comprensible falta da evidencia mais importante e que sería vital para arranxalas, que é a testemuña das propias usuarias, nunha situación demasiado vulnerable como para iniciar leas contra quen se supón debería protexelas e axudalas, polo que, malia que as transmiten de xeito privado, non atopan, como é doado de entender coa forza precisa para facelo publicamente ou para presentar unha queixa oficial, o que fai practicamente imposible que se tome ningunha medida ao respecto.

 Vaia por diante que, malia o que se tentou facer ver no seu momento, en Si, hai saída non temos nada en contra do CIM, nin do seu persoal. Pola contra, entendemos que o ideal e, por riba de todo, o mais positivo para as mulleres que acoden tanto a este servizo como a nosa asociación sería que puidéramos interactuar, algo ao que o noso colectivo sempre estivo aberto, pero, por desgraza, nunca foi correspondido.

 O que lamentamos profundamente é que esas “presuntas” eivas se empreguen como ferramenta política, xa que estamos a falar de situacións moi sensibles, que arrastran moita dor, e que o último que merece quen as sufre e que se empreguen como posibles estratexias.

 Gustaríanos lembrar, para rematar, que a Casa da Muller, independentemente doutras posibles eivas no seu funcionamento, é evidente que non coñece nin se adapta do xeito que debera as necesidades reais das vítimas de violencia de xénero, como demostra, por exemplo, algo tan obvio como que tan só funcione polas mañás, o que fai imposible que unha gran maioría de mulleres, por mor do seu traballo, case sempre precario, non poida, de xeito ningún, acudir a ese servizo, nin ter posibilidade de realizar os numerosos trámites precisos para tentar saír da súa situación.

 Tratar a violencia de xénero como burocracia pura e dura e a mais evidente demostración de que, como repetimos reiteradamente desde Si, hai saída, a realidade das súas vítimas é, aínda hoxe, e por moito que se nos tente facer ver o contrario, unha gran descoñecida.

 Asociación Si, hai saída.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com