Presentado o XXVI Mercado Medieval de Mondoñedo

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, presidiu hoxe o acto de presentación da XXVI edición do Mercado Medieval que, neste ano 2017, conta cunha programación reforzada con máis horas de actividades e cun maior número de postos de artesáns, ao redor de 160.

Durante o acto de presentación do programa desta 26 edición do Mercado Medieval, celebrado esta mañá na Praza da Catedral, a alcaldesa de Mondoñedo subliñou o atractivo e a transcendencia deste evento que “permite que a nosa cidade reviva con ilusión o seu pasado medieval”. A rexedora estivo acompañada do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; e da xefa territorial de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez, entre outros. Tamén interviron no acto de presentación do XXVI Mercado Medieval, o seu pregoeiro, José Ramón Montenegro Espina xunto ao presidente da ACIAM, Ángel Marful e a representantes da Asociación Pasatempo e de voluntarios que colaboran de xeito desinteresado na organización do Mercado.

A programación para esta anualidade do Mercado Medieval pon de manifesto o forte compromiso do Goberno Local coa organización desta cita. “Tanto o Concello coma os veciños estamos a esforzarnos para que o mercado siga a medrar cada ano tal e como vén facendo”, explicou Candia, ao que engadiu que “os mindonienses e os visitantes e turistas poderán desfrutar os días 11, 12 e 13 de agosto dun Mercado Medieval que arrincará antes e rematará máis tarde”.

Máis postos

De igual xeito, a rexedora destacou o incremento do número de postos de artesáns cos que contará o Mercado Medieval este ano. “Ao redor de 160 postos, que transforman Mondoñedo nunha cidade do medievo durante tres días”, destacou.

Elena Candia precisou que moitos dos participantes son artesáns que xa coñecen a feira de anteriores edicións repetindo experiencia máis do 80%, segundo as súas propias palabras, por ser un mercado “acolledor, organizado polo propio Concello e voluntarios e celebrado nun contexto único”, unha cidade declarada conxunto histórico artístico que se presenta como marco inmellorable da festa.

Agradecemento e transcendencia do Mercado Medieval

A rexedora aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo de todas as asociacións implicadas no Mercado Medieval; entre as que se atopan os Amigos do Mercado, a ACIAM e a Asociación Cultural O Pasatempo. “Entre todos os amigos e amigas do mercado medieval que ano tras ano colaboran e traballan de xeito desinteresado na súa organización, conseguimos unha volta ao medievo rúa a rúa que cada vez atrapa a máis visitantes”, subliñou. Por último, durante a presentación, a alcaldesa tamén puxo de relevo a transcendencia deste evento. “Cada ano aumenta o número de visitantes que veñen a Mondoñedo durante o Mercado Medieval”, e fixo fincapé na ampla variedade de actividades que inclúe a programación do mercado, “o que cada ano o fai máis atractivo para todos os que se achegan a Mondoñedo”, precisou.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com