Primeiras confirmacións para as festas do San Froilán

As festas de San Froilán contarán este ano entre os concertos musicais destacados con Auryn, un quinteto madrileño de pop que arrastra a milleiros de mozos a cada unha das súas actuacións; Los Chikos del Maíz, un grupo valenciano de rap que combina nas súas letras denuncia ácida e sarcasmo; e coa esencial agrupación de música galega Treixadura, que actuará acompañada da coral Cantigas e Agarimos.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou os tres concertos na Comisión Especial de Festas, que se reuniu este xoves por primeira vez tras a súa constitución no Pleno de hai unha semana.

Los Chikos del Maíz é un grupo de rap valenciano formado por Nega, Toni El Sucio e o DJBokah, que aborda temas como a situación laboral ou a escena hip hop en España. O grupo caracterízase por letras con acidez, nas que o sarcasmo se entrelaza coas referencias literarias, cinematográficas, políticas e da cultura popular. O nome do grupo provén dun dos relatos dun libro de Stephen King, chamado Children of the Corn (Los chicos del maíz), do que se adaptou unha serie de películas de terror.

Treixadura leva 25 anos deleitando coa súa música tradicional galega baseada no canto e a gaita. Cunha personalidade musical irrepetible acumula centos de concertos, ten 6 discos no mercado e unha variada gama de colaboracións discográficas. Ao longo da súa traxectoria rescatou moitas melodías do anonimato e creou outras tantas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva.

Logo da constitución no Pleno hai unha semana, este xoves reuniuse por primeira vez a comisión de festas, que formaron a Alcaldesa en funcións, Ana Prieto, os concelleiros de Cultura e Deportes, Carmen Basadre e José Manuel Díaz Grandío, respectivamente; Encarnación Amigo, Antonio Ameijide e Isabel Devesa, polo Partido Popular; María Cristina Pérez Herráiz, por Lugonovo; Tareixa Ferreiro, polo BNG; Olga Louzao, por Ciudadanos; e Carlos Portomeñe, por ACE.

Pola súa banda, o Grupo Municipal do Partido Popular fixo un avance das propostas que presentará á Comisión de Festas para mellorar a organización e a programación do vindeiro San Froilán. A concelleira popular Encarna Amigo explicou que cada grupo político ten o seu modelo e a súa fórmula para organizar as festas polo que pediu “coordinación, control do gasto e innovación para as vindeiras patronais”.

A edil do PP propuxo o impulso de novas iniciativas que revitalicen as patronais pedindo a creación dunha proba deportiva utilizando escenarios emblemáticos “precisamente este ano no que o Camiño Primitivo foi recoñecido como Patrimonio da Humanidade se podería aproveitar esta efeméride para organizar unha proba de triatlón: atletismo pola Muralla, bici polo camiño primitivo ao seu paso por Lugo e piraguísmo polo Miño”. Os populares tamén avogan por impulsar o concurso de polbeiros.

Na Comisión Especial de festas os populares quixeron alertar dos problemas de aparcamento que poderán afectar este ano ao desenvolvemento das festas “se xa era difícil eses días aparcar no centro de Lugo e inmediacións do recinto feiral agora, coa supresión do sistema ORA será moito máis complicado”.

Para que o tráfico sexa máis fluído os populares propuxeron o reforzo do transporte urbano e incluso a posibilidade de que durante os días das festas os buses sexan gratuítos para “desconxestionar de coches particulares o entramado urbano”.

A xuizo dos populares o control de ruídos é outro aspecto que se debe coidar “o inmovilismo do anterior goberno local que foi incapaz, en catro mandatos de actualizar a Ordenanza de ruídos para fixar un nivel acústico que concilie o dereito dos veciños ao descanso obrigará a utilizar aos socialista a utilizar solucións parche”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo