PSdeG reclama unha solución para o Porto Chico de Foz

A Secretaria Provincial do PSdeG e Deputada Autonómica, Patricia Otero, acompañada do Alcalde de Foz, Francisco Cajoto, avanzaron dende o Porto Chico de Foz, que o Grupo Parlamentario Socialista defenderá mañá martes (dia 6, a partir das 16:00 horas) unha iniciativa na Comisión 8ª do Parlamento Autonómico para reclamar ao Goberno de Feijóo, “que execute neste ano a reestruturación do porto deportivo de Tupide en Foz, coa modificación da súa bocana, dragaxe así como a ampliación de servizos”.

“A dragaxe do porto de Tupide de Foz reflicte o completo abandono do Goberno de Feijóo para mellorar as dotacións da nosa vila. Estamos diante dun proxecto impulsado no ano 2013, e a dia de hoxe, 8 anos despois só podemos falar de abandono e esquecemento”, espetou o rexedor Francisco Cajoto. O alcalde de Foz aludiu ao “obscurantismo e a falla de compromiso da Xunta con este e outros proxectos de Foz. Ademais da promesa da Xunta “manifestada tamén á Asociación A Ribeira, para executar durante o ano 2020 un proxecto técnico de reforma e dragaxe do Porto Chico en Foz, xa que todos sabemos que son obras da máxima urxencia para o Concello”.

Cajoto tamen se referiu ás imaxes das zodiacs de salvamento marítimo varadas no peirao durante a marea baixa, “cun pantalán inutilizado en gran parte pola acumulación da area. Por iso esperamos tamén o traballo do Partido  Popular de Foz para esixir a un goberno da súa mesma cor política cumprir coa palabra dada, polo tanto, esperamos feitos e non ditos. E demandamos inversións reais e financiamento encima da mesa xa”, dixo.

Patricia Otero lembra na proposición rexistrada que “a necesidade da dragaxe do porto deportivo de Foz, Porto Chico, é un tema que se leva denunciando dende hai moitos anos. Colectivos como os pescadores deportivos de forma individual, asociacións, clubs, socorristas así como o Grupo Socialista, levan anos denunciando a falla de calado que sofre este porto deportivo, no que atracan moitas embarcacións. E onde ademais hai varias zodiacs de salvamento, entre elas a que emprega Protección Civil de Foz e os socorristas de Barreiros”.

“A Agrupación Socialista de Foz xa reiterou publicamente o seu apoio ás iniciativas coas que se instaban a Portos de Galicia a acometer de xeito urxente a dragaxe do Porto Chico de Foz. Nesa liña compre lembrar que no ano 2013 aprobouse por unanimidade no Pleno do Concello de Foz unha moción do Grupo Socialista focense na que se lle instaba á Xunta de Galicia a que acometese esta dragaxe”, remarcou a Deputada.

Tamén dende o Parlamento de Galicia se aprobaron propostas neste sentido,concretamente “na Comisión 8ª celebrada o 11 de maio de 2018 aprobouse por unanimidade unha Proposición non de lei na que se instaba a Xunta de Galicia a que realizase esta dragaxe de xeito urxente. E no 2019, o 12 de setembro, aprobouse por unanimidade outra iniciativa parlamentaria, para acometer unha mellora integral do Porto Chico de Foz”, insistiu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com