O Rally San Froilán chega a súa 39 edición con case 150 pilotos inscritos

Unha cita ineludible no calendario deportivo da provincia para o último trimestre do ano chega esta fin de semana a Lugo. Trátase do Rally San Froilán que celebra este ano a súa 39 edición con case 150 pilotos inscritos e no que se espera unha afluencia de máis de 40.000 espectadores nos diferentes tramos que percorren a provincia.

Sarria, Láncara, Outeiro de Rei e Mosteiro de Pol son catro dos concellos que acollerán este sábado esta cita automobilística que contará con grandes do deporte como Adrián Díaz e os irmáns Vallejo.

Esta mañá o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López presentaron o Rally San Froilán, que terá lugar os vindeiros días 27, 28 e 29 de outubro. Fixérono acompañados de representantes dos catro concellos polos que transcorre a proba, o Presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral Pérez, e a Vicepresidenta da Escudaría Miño, Mayte Vilanova López.

O organismo provincial realiza unha achega de 30.000 euros para a organización do Rally San Froilán, que se suma aos 17.000 euros que o Executivo destinou á posta en marcha do VI Volante Deputación, a iniciativa mediante a cal un afeccionado lucense, Rubén Sánchez Agruña, poderá participar de balde na competición, dentro do equipo PTC Escuela e aos mandos dun Suzuki Swift Sport, tras recibir cursos de formación.

Rivera Capón subliñou que “incrementamos a partida para a celebración desta proba, pois somos conscientes da súa repercusión económica e mediática, xa que reúne de media a uns 40.000 espectadores en cada edición. Deste xeito, a colaboración do Goberno da Deputación enmárcase nunha das liñas do Plan Estratéxico de Turismo, como é a promoción de eventos de carácter deportivo na provincia que consigan atraer a un importante número de visitantes de todas as partes do territorio galego e das comunidades veciñas, que terán a oportunidade de coñecer e desfrutar dos encantos do noso territorio, ademais de gozar do espectáculo da proba”.

O 39 Rally San Froilán, puntuable para o Campionato Galego de Rallys, estará formado por un percorrido de 413 quilómetros dos cales 94 quilómetros serán 8 tramos cronometrados por estradas pechadas ao tráfico. A proba constará dunha única etapa dividida en catro seccións: Bonxe- Outeiro de Rei, A Valiña -Pol, Láncara e Goián-Sarria.

Na xornada do venres 27 levaranse a cabo as correspondentes verificacións técnicas e administrativas; ese mesmo día poderán verse os coches e algún piloto participante na avenida de Ramón Ferreiro. O sábado 28 será a xornada na que se disputará o rally, o cal comezará ás 08:00 horas coa saída do primeiro participante da primeira das seccións. Ás 19:38 horas o primeiro participante da cuarta sección tomará a última das saídas da proba. Ás 23:59 horas publicaránse os resultados, para a posterior entrega de trofeos, o domingo 29 ás 12:30 horas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com