Raúl Gil Burés, de Rianxo gaña o Certame de Pintura Rápida

Raúl Gil Burés, de Rianxo, resultou gañador da XIX edición do Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre ‘Cidade de Lugo’, mentres na categoría de artista local a vencedora foi Gema López González.

A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro destacou na cerimonia de entrega de premios a participación acadada por este certame, no que se inscribiron 40 participantes que, ademais de Lugo, proceden de distintas localidades de Galicia como: Alfoz, Castro de Rei, Ferrol, Rianxo, Noia, Vigo, Pontevedra, Cambados, Castro Caldelas ou A Coruña; e doutros puntos da xeografía española como Córdoba, Granada, Boadilla del Monte, Móstoles, Avilés, León, Burgos ou Lleida. A edil manifestou que “esta concorrencia confirma o prestixio nacional deste certame”.

Dende primeira hora da mañá, os pintores participantes escolleron un lugar dentro do recinto amurallado no que traballar á vista da mirada de visitantes e curiosos, convertendo deste xeito durante todo o día as rúas do centro da cidade nun grande museo ao aire libre.

O xurado, que se reuniu diante da Casa Consistorial para valorar as obras presentadas, estivo composto por Alejandra Iglesias Suárez,  deseñadora e artesá da firma “Mi madre no me deja”; Xoán Manuel Guerreiro Vázquez (Guerreiro), pintor e Juan José López Martínez (Lomarti), escultor.

Tras deliberar, decidiron outorgar premio aos seguintes participantes:

1º Premio (1.600 euros e diploma) a Raúl Gil Burés (Rianxo, A Coruña)

2º Premio (1.100 euros e diploma) a Salvador Ribes Villalba (Guadassuar, Valencia)

3º Premio (900 euros e diploma) a Richard García Rodríguez (Móstoles, Madrid)

Accésits de 300 euros con diploma:

1 a José Luis Gacría Miranda (Vigo)

2 a José María Sande Gutiérrrez (Granada)

3 a Abraham Pinto Mendoza (Utrera, Sevilla)

4 a Andrés Gabarra Cagiao (Ferrol)

5 a Joan Carles Pérez Sullá (Torrefarrera, Lleida)

Premio á/ao mellor artista local

Este premio especial de 450 euros e diploma á/ao artista local acadouno: Gema López González

Exposición dos cadros participantes

A partir do momento do ditame do xurado, que tivo lugar ás 18.00 horas na Praza Maior, os autores dos cadros non premiados tiveron a posibilidade de poñer á venda as súas obras, asinándoas e poñéndolles na parte traseira o seu importe. A exposición ao aire libre prolongouse ata as 20.00 horas.

Posta en valor do patrimonio arquitectónico

Segundo explicou Maite Ferreiro, o valor deste certame de Pintura ao Aire Libre ‘Cidade de Lugo’, que se consolida ano a ano, é triple, xa que serve “para atraer un importante número de artistas á nosa cidade, consolidar Lugo como destino cultural e para poñer en valor o noso importantísimo patrimonio arquitectónico”, dixo na clausura.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com