Reactívase o Consello Municipal de Cultura e Lugonovo pide deseñar políticas municipais neste eido

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu este venres unha reunión do Consello Municipal de Cultura, a primeira que se celebra dende o ano 2004. Foi unha xuntanza na que se escolleron os membros da Comisión Permanente, que engloba cinco áreas, artes escénicas, música, música tradicional, formación e museos e bibliotecas.

O Consello Municipal de Cultura reunirase de novo en xaneiro, celebrádonse xuntanzas de cada catro meses. O primeiro obxectivo será actualizar o regulamento do órgano, que data de hai máis de 10 anos. O novo regulamento terá que ser elevado a Pleno para a súa aprobación. No Consello están representados os seis grupos políticos da Corporación Municipal, así como diferentes colectivos relacionados coa cultura.

Tras esta xuntanza, o Grupo Municipal Lugonovo reclamou o deseño dunha política cultural para o Concello. Unha proposta que levará á vindeira xuntanza do Consello da Cultura.

“Non queremos acudir ó Consello só a escoitar cales son as decisións do goberno ou a debater a distribución dos recursos entre as distintas áreas e as asociacións que as integran. O que Lugo precisa é do deseño de novas estratexias que sexan capaces de poñer en valor tódolos recursos dos que dispoñemos. Un basto patrimonio material e inmaterial que só pode contribuír a mellorar a nosa autoestima como lucenses e como galegos”, sinala o voceiro da formación, Santiago Fernández Rocha.

Neste sentido,a formación reclama racionalizar as actividades programadas para evitar o seu solapamento e mellorar a difusión das mesmas co fin de chegar a tódolos públicos e promover a súa participación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com