Reflexións sobre a asistencia á Terceira Idade

Desde a Plataforma GALICIA #BALEIRA, entendemos que estamos nun momento crucial que o mundo e por tanto o noso país ten obrigatoriamente que reflexionar sobre o pasado recente na xestión da Asistencia á Terceira Idade. O que ocorreu e quedou manifesto nesta etapa de pandemia, é que temos a unha gran parte dos nosos maiores sumidos no maior dos abandonos, moitos viven sós, sen ter con quen conversar un intre ao día, ás veces sen comida ou con escaseza de alimentos, nalgúns casos están enfermos, non hai ninguén que lles atenda e se por agravarse as situación teñen que acudir ao médico ou ao hospital, tampouco teñen quen lles acompañe; en moitos casos mesmo falecen sós, sen ninguén ao seu lado.
Por iso, agora é o momento como ben dixo Tomás  Guitarte  (de Teruel Existe), de corrixir o abandono, as desigualdades que imperaron ata o momento, baseado nun modelo socio económico inaceptable e desmesurado, fomentado o crecemento urbano e esquecendo os pobos e o medio rural, sen buscar o máis mínimo equilibrio territorial das provincias e en conxunto do país.
Será preciso entón, dar un envorco ao noso sistema para que busque o reequilibrio dos territorios, para que coide aos nosos maiores cun plan sistemático de ACOMPAÑAMENTO, financiado con diñeiro público dos orzamentos xerais, non en man de Fondos Voitre ou Empresas que xestionan residencias co único ánimo de lucro económico, sen ter en conta aspectos sociais, sanitarios e de control do maior, ao que engadimos as carencias de persoal ou con contratos precarios.
Hai que construír moitas máis Residencias da terceira idade na cidade e no rural, xestionadas desde os entes públicos (sen cesións de servizos). Hai que reforzar xa e como primeira medida os Servizos Sociais, con persoal en contía, con formación adecuada e dándolle os medios precisos para o seu labor (este servizo non é suficiente cunha visita ao día en moitos dos casos) aínda que se conte co gran labor excepcional e altruísta do voluntariado. Toda persoa maior ten dereito a un menú adecuado e sen carencias ao día e hai que dispoñelo.
Para todo iso, as Asociacións de Veciños, as Federacións de Lugo e Ourense que configuramos GALICIA #BALEIRA, debemos de ser tidas en conta, xa que como parte civil e próxima desta sociedade, temos moito que achegar, mesmo á hora de controis e inspección dos servizos, porque non permitiriamos recortes en función do gobernante de quenda, da súa ideoloxía ou os seus intereses.
Nós non queremos unha Galicia Baleirada (GALICIA #BALEIRA), queremos un rural integrado, con todos os servizos  requeribles a nivel de infraestruturas, servizos médicos, iluminación pública, telefonía; fomentando para iso o seu desenvolvemento integral e mesmo o esquecido turismo rural.
Finalmente GALICIA #BALEIRA facemos unha proposta que figura na nosa liña programática e é que a Xunta de Galicia leve a cabo un deseño de programas institucionais de acompañamento e de reforzo ás persoas maiores e economicamente dependentes reforzando a xestión dos  Concellos para que tamén  o poida levar a cabo a través dos seus servizos sociais.
Comisión Executiva de GALICIA #BALEIRA

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com