Repetto lamenta que o PP “perda un tempo valioso” en “divulgar mentiras”

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, lembrou este xoves que “o acondicionamento da praza do Centro de Emprendemento levouse a cabo cun dobre obxectivo: beneficiar ás e aos emprendedores que fan uso do centro e das súas instalacións, facilitándolles unha nova zona de traballo ao aire libre; así como ao conxunto da veciñanza lucense e, en concreto, aos veciños e veciñas de Garabolos, para que dispoñan dunha praza en condicións, nun momento no que, debido á pandemia, se requiren espazos de esparexemento abertos e seguros”.

En resposta ás criticas dos edís populares sobre a compra por parte do Concello de toldos e sombrillas para a mencionada praza, Mauricio Repetto insistiu en que “esta información é falsa”, xa que segundo explicou “nun primeiro momento contemplouse a adquisición de elementos cos que protexer do sol determinadas zonas, para facilitar a celebración de actividades ao aire libre dos emprendedores e da veciñanza nos meses de verán, porén, a nova situación sanitaria mudou as prioridades de actuación, e os fondos que se ían investir na súa adquisición destináronse, finalmente, á campaña de Nadal que puxemos en marcha para promover as compras no comercio local e a dinamización da hostalería lucense”.

As afirmacións dos populares susténtanse nas propostas de gasto que figuran publicadas no Portal de Transparencia do Concello. Porén, tal e como explicou o concelleiro “o cadro de contratos menores que figura neste portal, fai referencia ás propostas de gasto elaboradas polos diferentes servizos municipais, as cales conclúen normalmente cunha adxudicación, aínda que noutras ocasións, por circunstancias sobrevindas, poden chegar a destinarse ditas consignacións orzamentarias a outros fins, como sucedeu neste caso”.

É dicir, non todos os procedementos ou propostas de gasto iniciadas obrigatoriamente conclúen nunha adxudicación (poden existir desconsignacións ou mesmo  desestimentos). Neste senso, Mauricio Repetto lamentou que “se os edís do PP, que amosan un total descoñecemento da Administración, houbesen esperado á Comisión de mañá terían toda esta información á súa disposición, en cambio, prefiren confundir á cidadanía con noticias falsas para terxiversar a realidade”. Así mesmo, lembrou que “calquera dúbida sobre aqueles gastos propostos por esta concellería pode ser consultada ao Servizo de Desenvolvemento Local.

“En todo caso, gustaríame agradecerlles a súa visita ao CEI Nodus, pois pese a que a finalidade non foi construtiva, considero que é beneficioso que, de vez en cando, se acheguen a coñecer a intensa actividade que estamos a levar a cabo dende este centro de empresas e innovación, que xa é un todo un referente en Galicia e España”, concluíu.

Respecto ás queixas do PP sobre que concelleiro irrompeu nunha rolda de prensa que estaban a dar no xardín do CEI Nodus, Mauricio Repetto desmínteo rotundamente. “Saín do edificio para irme e vinnos xusto a saída, descoñecendo que era una rolda de prensa porque só había unha cámara, e acerqueime para saudarlles. Foi nese momento cando o edís populares contáronme a súa queixa”, aclarou, ao tempo que se amosou apenado de que mentres no CEI Nodus “nos dedicamos a axudar e a acompañar aos emprendedores, nun momento tan complicado para o seu futuro, o PP se dedique a divulgar mentiras en vez de aproveitar ese tempo tan valioso en realizar propostas en positivo para axudar a cidadanía”.

 


Imaxe de arquivo: Inicio das obras de mellora no CEI Nodus

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com