" />

Ribadeo agarda a apertura das comunicacións entre Asturias e Galicia o vindeiro 9 de maio

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, agarda con prudencia que pronto se reanuden as comunicacións entre Asturias e Galicia, unha vez que remate o estado de alarma, o vindeiro domingo, 9 de maio. O rexedor cualifica de experiencia “inédita e moi dura” a vivida polos veciños e veciñas de Ribadeo e do Occidente asturiano, que levan moitos meses sen poder estar cos seus familiares e amizades.

Suárez Barcia valorou con prudencia a posible confirmación deste alivio nas restricións e o posible reencontro porque ” a verdade é que botamos moito de menos aos nosos amigos e aos nosos familiares en moitas ocasións, durante todo este tempo que non puidemos estar con eles e non puidemos ir alí, como supoño que os do Occidente tamén nos botarán de menos a nós”.

O rexedor sinalou o duro da experiencia tan “inédita” que, como noutras zonas limítrofes, están a vivir entre Asturias e A Mariña, e “que se ampliou por moitísimo tempo”, máis do esperado para dúas comarcas acostumadas á integración da cidadanía nunha ou noutra comunidade. Con todo Suarez agarda que a apertura das comunicacións entre Asturias e Galicia “poida ser realidade dentro duns días, se as circunstancias sanitarias o permiten”.

O alcalde manifestou que “queremos ir a Tapia, á Veiga ou a Castropol como supoño que os de Taramundi, os dos Oscos ou os da Caridad, por poñer por caso, tamén estarán desexosos de volver andar, pasear e comprar en Ribadeo, e quen di Ribadeo di en toda A Mariña”.

“Estamos todos detrás da ciencia, a ciencia é a única que nos vai salvar e neste caso esperemos que así sexa canto antes”, lembrou tamén o rexedor que explicou que “máis aló de falsas e artificiosas polémicas alimentadas moitas veces co nome da ría, moitas veces por quen non ten que facer, eu penso que estes si que son os verdadeiros lazos que nos unen”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo