" />

Ribadeo distribuirá 500 botes de desinfectante entre os donos de cans para que limpen os ouriñes

O Concello de Ribadeo repartirá de xeito gratuíto a partires do vindeiro luns, 8 de marzo, 500 botes de produto desinfectante entre os propietarios de cans. O obxectivo é conciencialos da obriga de limpar os ouriñes das mascotas, algo que recolle a nova ordenanza de medio ambiente.

O edil Jorge Díaz lembrou que “estamos traballando nunha nova ordenanza medioambiental e unha das partes que estamos vendo que preocupa bastante aos veciños e veciñas de Ribadeo é o tema dos animais, neste caso dos cans”. Díaz Freije subliñou que “dentro desa ordenanza levamos unha modificación nova, que ademais de estar obrigados os donos a recoller os excrementos tamén se inclúen os ouriñes. Hai que levar xunto coa bolsa un frasco con auga con xabón ou con produto desinfectante para que cando ouriñe o can nunha zona pública se bote ese líquido para que estea todo moito o máis limpo posible e sen cheiros”.

O concelleiro de Medio Ambiente explicou que “no Concello de Ribadeo poñemos en marcha unha iniciativa, compramos uns 500 botes que levan unha solución limpadora que estarán a disposición dos veciños e veciñas que teñan que sacar a súa mascota á rúa. Dicir que estas unidades son gratuítas para quen teñan un can e poden retirarse en horario de nove da mañá a dúas da tarde na Área de Medio Ambiente a partires do vindeiro luns, día 8 de marzo. Vanse recoller os datos persoais para que non haxa ningunha picaresca. Esta iniciativa está pensada polo ben común, para que estea moito máis limpa a vila e teñamos un Ribadeo máis limpo”.

Nos botes que vai repartir o Concello pódese ler: “O can é teu, as rúas e parques de todos. Non deixes pegada. Por un Ribadeo limpo”. A campaña foi presentada polo edil de Medio Ambiente, Jorge Díaz, e polo alcalde, Fernando Suárez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo