Ribadeo entrega 1.000 frondosas para plantar en 57 parcelas afectadas pola Lei de Incendios

O Concello de Ribadeo entregou esta tarde preto de 1.000 árbores frondosas para a súa plantación en parcelas afectadas pola Lei de Incendios de Galicia. Repartíronse pradairos, bidueiros, freixos, castiñeiros
híbridos, cerdeiras, carballos, abeleiras e nogueiras. En total no Concello recibíronse 38 solicitudes para 57 parcelas nas que se plantarán estas especies.

O alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Sostibilidade Ambiental e Medio Rural, Paz Ermida e Vicente Castro, respectivamente, participaron neste acto de entrega de árbores, que tivo lugar no Cantón dos Moreno. O rexedor ribadense sinalou diante dos receptores das árbores que “todo o mundo temos que estar de acordo coas normas. Sabemos que hai xente que lle desgusta, e eu o lamento, non o facemos para enredar nin para molestar a ninguén.  Isto vai ser unha seguridade e Ribadeo será un sitio agradable dentro duns anos, cando se vexa todo cortado, como xa está en case todo”.

Fernando Suárez contou que “case todo o mundo cumpriu, nos que non cumpriron o Concello vai executar subsidiariamente nos próximos tempos, irremediablemente, lamentando moito polos que non quixeron cortar”. Asemade, asegurou que o Concello fixo a entrega destas árbores como “unha atención con aqueles que, de maneira voluntaria, foron cumprindo coas normas”.

“Cando se pela unha faixa de protección, despois iso acaba retoñando outra vez. Entón a mellor maneira é, cumprir a norma, poñer a vexetación frondosa que é a que tamén contén o lume en caso de que haxa un incendio, e ao mesmo tempo facilita para os propietarios que non teñan que estar cada ano con tanta folgueira, tanto toxo, acacia ou eucalipto”, explicou o rexedor quen agradeceu a colaboración dos veciños participantes que “cumpren as normas” e axudan a crear un “Concello modélico” que da “exemplo” a toda Galicia.

O Concello investiu 6.500 euros na compra destas árbores frondosas que hoxe  foron repartidas. Xunto aos propietarios dos terreos nos que se van plantar estivo tamén o técnico de Medio Ambiente, Xaime Pérez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com