Ribadeo recibe durante o 2018 máis de 120.000 turistas

A concelleira de Turismo do Concello de Ribadeo, Ana Martínez, fixo esta mañá un balance moi positivo do ano que remata. Polas oficinas de turismo de Ribadeo e da praia das Catedrais pasaron en 2018 máis de 120.000 persoas, unha cifra superior á acadada en 2017. A edil nacionalista indica que 77.000 persoas chegaron aquí no verán e 42.000 en tempada media-baixa, algo que é moi importante para desestacionalizar o turismo. Ana Martínez subliña que só o 20% das persoas que chegan a Ribadeo solicitan información nas oficinas de turismo.

A concelleira declarou que “a piques xa de rematar este ano 2018, dende a Concellería de Turismo queremos transmitir o balance que acabamos de facer, que é moi positivo. Realmente o Concello de Ribadeo segue a medrar como destino dentro de Galicia, posicionándose así como un dos destinos turísticos máis importantes do litoral galego e mesmo de todo o Estado español”.

Ana Martínez dixo que “milleiros de persoas foron as que este ano viñeron gozar dunha paisaxe excepcional, conformada por un conxunto de elementos patrimoniais únicos de carácter tanto natural como cultural. Polo tanto esta porta de entrada a Galicia foi a presentación para un número moi importante de visitantes dos que tiveron presenza todas as autonomías do estado español e tamén foron persoas chegadas desde 45 países diferentes as que visitaron Ribadeo. Estamos máis que contentos e agradecidos tamén do traballo que se fai dun xeito conxunto dende o Concello”.

A edil nacionalista contou que “falando de números, no ano 2018 foron un total de 120.547 persoas as que soamente solicitaron información nas nosas instalacións. Isto ven ser un 20% do turismo que chega a Ribadeo, e aínda así estas cifras superan significativamente as de 2017. Ese ano atendéronse nas oficinas municipais 114.701 persoas. Ter en conta que no cómputo anual se rexistraron uns 5.850 viaxeiros máis que o ano pasado, e ademais podemos dicir que do total, 77.608 foron os que pediron información durante o verán, e 42.939 o fixeron durante a tempada media/baixa. Creo que este é un dato moi positivo e sobre o que temos que facer reflexión polo reto da desestacionalización, aínda que non é fundamentalmente durante estes meses cando máis xente acude, é importante ver que un bo número de persoas solicitaron información fora da tempada estival”.

Ana Martínez manifestou que “a oficina de turismo do núcleo urbano de Ribadeo abre todo o ano e contabilizaron un total de 41.387 viaxeiros, nesta oficina os días de maior afluencia seguen sendo o 16 de agosto e o 7 de agosto. Tamén temos o punto de información turística da praia das Catedrais, que estivo aberto dende a Semana Santa ata finais do mes de outubro. Aí temos que contabilizar un total de 79.160 consultas as que se realizaron durante este ano, sendo tamén a mediados de agosto o momento de maior afluencia de solicitantes de información. Nas procedencias, no turismo nacional, Madrid segue a ser o principal emisor xunto a Castela-León e Galicia e en segundo e terceiro lugar están Asturias, Euskadi e Cataluña. En canto ao turismo internacional destacan fundamentalmente as procedencias de Francia, Alemaña, EE.UU. e Italia, aínda que tamén son salientables as visitas dende Reino Unido e Arxentina. O turismo nacional supón un 85% do total e o internacional un 15%. O mes que máis viaxeiros nos visitaron a nivel internacional foi tamén no mes de agosto”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com