Se exercer os teus dereitos vulnera os meus, non son dereitos, é abuso.

Asisto, entre abraiada e indignada, ao balbordo organizado con motivo do fenómeno ocupa en Lugo, e as diferentes actuacións e reaccións ante o desaloxo dunha das vivendas ocupadas na cidade a pasada semana.

Imos por partes.

Vaia por diante algo que, para min, non admite discusión de ningún tipo, que é o dereito a unha vivenda digna que se supón todos temos, e digo se supón porque, a hora da verdade, este dereito, coma tantos outros, nin sempre se materializa, nin se respecta.

Neste dereito inclúo, por suposto, a todos aqueles que, por diferentes circunstancias da vida, que a calquera nos poden tocar, se ven en risco de perdela ou chegan, de feito, a perdela, por non poder facer fronte aos pagos das hipotecas ou alugueres.

É este un problema algo máis que acuciante, e do que aínda non se coñece o seu verdadeiro alcance, porque a vergoña, o estigma que unha sociedade cada vez máis deshumanizada lle impón ao vulnerable, fai que moitas chaves sexan entregadas en silencio e as agochadas para que nada se saiba da desgraza que moitos están a vivir.

Para estas persoas, para estas familias, case nunca hai un plan B, e mesmo podo chegar a entender que, nun momento de desesperación, lle dean a patada a porta dunha vivenda baleira para tentar ter un acubillo para eles, para os seus fillos.

Agora ben, todos sabemos que esta non é a solución e que hai que loitar para que o sistema ofreza solucións de xeito inmediato ante situacións tan críticas, esixilo ben alto e ben claro,  de maneira que ninguén teña que ficar na rúa, ou optar por ocupar unha vivenda, nos guste ou non, allea, por moi baleira ou en malas condicións que estea.

É doado saír aos medios amosando empatía pola xente que ocupa, atacando aos que tentan que abandonen as vivendas, propietarios incluídos,  principalmente cando non toca de preto, e, ao fin e ao cabo, unha vez rematada a protesta, marcha cada un para a súa casa, case sempre lonxe do lugar do conflito.

Pero, que tal se, por unha vez tentamos amosar un chisquiño desa empatía coa outra cara da moeda?.

Porque, non nos enganemos, non todas as persoas que ocupan o fan en son de paz, transgredindo, si, a lei, pero por pura necesidade, sen alterar a convivencia cos veciños, e mesmo nalgún caso facendo algunha mellora en vivendas que se caían a pedazos.

Tamén están os incívicos, os que crean problemas, os agresivos, os que se dedican a exercer actividades como mínimo ilícitas nas vivendas que ocupan, e que fan da vida dos que teñen a desgraza de telos cerca un auténtico inferno, ademais de implicar un risco.

Porque eu pregunto, alguén dos que apoiaban abertamente a pasada semana as persoas  que ocupaban a vivenda da rúa Yáñez Rebolo en Lugo, por exemplo, se pararon, por un momento, a pensar como se sentirían se, cando remataran a súa reivindicación, volveran as súas casas, das que tal vez están a pagar con gran sacrificio o aluguer ou a hipoteca, as atoparan ocupadas por unha xente a que hai que “respectar” os seus dereitos e nin a lei nin a xustiza fixeran nada por eles, tendo que marchar do seu propio fogar?.

E como cren que se sentirán tantas e tantas persoas e familias vulnerables as que, en poucos días, cando remate o prazo que o goberno prolongou por mor da pandemia, se lles corten os suministros básicos por non poder facer fronte as facturas, mentres que a esta xente, que o miremos por onde o miremos, está en casa allea,  se lle manteñen?.

E que me din das persoas que o Sábado, cando acudiron ao seu traballo nesa rúa, atoparon o “campamento” que instalaran os membros do clan desaloxado diante da súa porta, e que ademais dunha tenda de campaña, mantas e demais enseres empregados na “acampada” , atoparon botellas, vasos, ouriños, etc, etc, e que, aínda por riba, foron ameazados sen que ninguén, policía incluída, atendera as súas queixas nin recriminara en ningún momento aos autores de tales ameazas ?.

Que pasa cos seus dereitos?. Ou é que eles non teñen?.

Nin todo é branco nin todo é negro. Hai moitos matices, e ser solidario cando a propia zona de confort está salvagardada é doado.

Non obstante, quero deixar moi claro que para nada aprobo a existencia de empresas como a que parece ser fixo posible o desaloxo ao que acabo de aludir, e que, por moito que digan que se dedican a asesorar xuridicamente aos propietarios, a conseguir aloxamentos temporais,  traballos aos desaloxados e mesmo a tramitar axudas, que non digo que non o fagan, coidado!, igual son a panacea que todos estabamos agardando, máis malia que así sexa, non poden nin deben cubrir unha parcela e exercer unhas atribucións que corresponden a lei, a xustiza, e, porén, aos seus representantes, que é a quen hai que esixirlles accións e resultados reais.

Paréceme absolutamente escandaloso que conten, ademais, co apoio incondicional, ou polo menos así o manifestan, dunha institución que, ante outras causas sangran tes, eluden toda colaboración con algún colectivo.

O que queda claro é que, no que atinxe a esta problemática, como tantas veces na vida, se cumpre iso de que  “a río revolto, ganancia de pescadores”.

A empresa en cuestión acadou unha publicidade que nin a mellor axencia de márketing lle faría unha campaña que a superara.

Por outra banda, tampouco lles veu nada mal a aqueles que están a ser cuestionados pola cada vez maior inseguridade que estamos a vivir na nosa cidade, e, como non!, non faltou o colectivo veciñal experto en ser o perexil de todas as salsas e en sacar rendemento de cada crise.

Coma sempre, a desgraza duns é o negocio doutros.

En calquera caso, creo que se hai algunha conclusión clara que se pode, e máis, se debe, sacar de todo isto é que, por máis que se tente maquillar,  cando respectar os dereitos duns implica vulnerar os doutros, non estamos a falar de dereitos, se non de abusos.

Marta Rodríguez Engroba

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com