" />

O SLG lamenta que Muras dea só tres días para pedir as bonificacións do IBI

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denunciou a través dun comunicado que o Concello de Muras, que vén de abrir o prazo de solicitude para a redución do Imposto de Bens Inmobles (IBI) ás granxas, só conceda de marxe 3 días para realizar esta solicitude. Dado que a aplicación da redución do IBI comezaría a ser efectiva dende o 1 de xaneiro de 2018, as persoas que queiran solicitar esta bonificación terán que facelo nos tres días hábiles que lle quedan ao ano 2017: 27, 28 e 29 de decembro. “Cando leas isto, só quedarán dous días”, anuncia o SLG.

Dende o Sindicato Labrego Galego valoran positivamente esta redución do IBI, habida conta que responde a unha petición da propia organización agraria realizada en 2015. A intención da petición do sindicato era que, “a través desta bonificación no IBI, minguase o forte impacto da regularización catastral na economía das familias labregas de Muras”. Dende ese ano, o SLG levou a cabo unha intensa campaña informativa, con xuntanzas veciñais e contactos cos representantes dos partidos políticos, que culmina coa publicación do BOP da ordenanza.

“Sendo como é positiva esta bonificación no IBI, consideramos tamén un despropósito que se publique no BOP do 26 de decembro, sen ningunha publicidade nin aviso institucional para promover a medida, e con tan só tres días de prazo para realizar todos os trámites necesarios”, lamentan dende o sindicato.

Polo demais, dende o SLG fan un novo chamamento a todos os concellos da Terra Chá “para que sexan sensibles coa situación económica de moitas familias labregas do rural”, e adopten medidas que diminúan a carga impositiva das nosas granxas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo