SOLIDARIEDADE……OU NEGOCIO?

A aparición nos medios de comunicación das novas nas que se daba conta da suposta fraude cometida polo pai de Nadia Nerea, a nena afectada por unha enfermidade rara, e que el utilizou sen o mais mínimo escrúpulo para lucrarse e levar unha vida algo mais que desafogada, xogando coa boa vontade de cantos prestaron a súa axuda e utilizando a súa propia filla como instrumento recadatorio, fixo que se reavivara en min unha dúbida que xa hai moito tempo que veño arrastrando, e que, por desgraza, xa case e unha desalentadora certeza.

Ata hai cerca de tres anos, cando decidín poñer en marcha Si, hai saída, a asociación contra a violencia de xénero que presido, eu non tivera nunca o mais mínimo contacto co movemento asociativo (aínda hoxe hai moitas cousas acerca del que ignoro e que non deixan de sorprenderme, non sempre gratamente).

Daba por sentado, iso si, que a xente que se implicaba nestes movementos o facía movida polo seu afán de axudar e pola súa implicación no proxecto no que dicían traballar, nunca buscando un beneficio propio. Para a miña sorpresa, pronto descubrín que non podía estar mais errada, e que, ademais de ignorancia, demostraba pecar dunha enorme inxenuidade.

Con gran sorpresa, mesmo incredulidade primeiro, e con gran indignación despois, decateime de que, ao abeiro da dor de moita xente, do infortunio de numerosas persoas, ían nacendo “chiringuitos” que habilmente se tinguían de “movementos solidarios”, para, unha vez presentados en sociedade, e cunha destreza digna do propio Fangio nos seus mellores tempos, íanse conducindo da man dos seus líderes polas vereas mais axeitadas para achegarse a quen interesaba e significase algo nas institucións ou organismos que procederan e que lles asegurase a obtención de determinadas prebendas, ben económicas, ou ben de calquera outro xeito, sexa laboral, prestixio social, lucimento mediático….a forma e o de menos, sempre e cando se lle saque partido.

Aínda máis me sorprendía cando vin moitos destes movementos encabezados por supostos “antisistema”, que proclamaban, e proclaman, a quen os queira escoitar o seu rexeitamento por todo canto arrecenda, aínda que sexa de lonxe a institución e a cantos as representan, pero que non dubidan nin por un segundo en vivir delas, facendo todo o que sexa preciso para encher o peto coa subvención de quenda, e organizando todo tipo de postas en escena que xustifiquen, polo menos ante a sociedade menos informada destes manexos, os óbolos que periodicamente se embolsan.

E, a todo isto, que pasa coa causa que dicían defender?: Desa xa nin nos lembramos, para que?. A menos, iso si, que se precise encher de novo os petos. Nese caso, unha nova e oportuna aparición mediática, con un mais oportuno aínda xesto de dor, e anunciando accións milagrosas que nun tempo record serán as solucións máxicas, que lles garantan seguir no candeeiro e na súa “loita”. Non se pode xeneralizar, certo, pero tampouco ignorar o tremendo e substancioso negocio que se xera arredor de situacións arrepiantes, das que os seus desafortunados protagonistas non saben como saír, pero que son o instrumento perfecto para que moitos se lucren.

A solución? Posiblemente non sexa doada de acadar….ou non interese demasiado, non sei, pero hai algo que eu pregaría encarecidamente a quen corresponda, se e que lle corresponde a alguén: Que se investigue o traballo dos colectivos, principalmente daqueles que, aínda dicindo non ter ánimo de lucro, obteñen un mais que evidente e substancioso beneficio da súa “pseudosolidariedade”, e non exclúo a ningún, nin siquera a Si, hai saída, e, por riba de todo, que non se permita que se xogue coa dor, coas desgrazas…..E indigno, ou, se me permitides, e perdoádeme a expresión, francamente noxento.

Marta Rodríguez Engroba.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo