Soños na gaiola

Devezo pola ciencia-ficción, e quedei marcado polos fitos titulados “2001”, “O planeta dos simios” ou “1984”, pero a de maior impacto foi “La nave”, de Tomás Salvador, moito menos coñecida, tan intelixente e máis humana, ca as máis cegadoras no seu Olimpo de luz.

Fabula Tomás –do que Carmen Conde en ocasión lucense me confesou que era moito mellor autor que editor, que nisto fora un fracaso- con que a humanidade se embarcou en aventura interestelar nunha nave de dimensións imposibles, onde os viaxeiros interxeracionais perderan a conciencia da súa orixe, da súa condición e do seu destino, debéndose a situación a que o poder establecido, aos que podían ser cronistas da viaxe lles cortaban as mans para que non puidesen escribila, vivindo todos os viaxeiros en escuridade perpetua porque esqueceran que para que as luces funcionaran había que premer os interruptores.

Tema no que os autores poñen especial coidado é na saúde mental e física dos viaxeiros, polo que sempre procuran telos ocupados, víndome á memoria as carreiras dos tripulantes da nave en “2001”, percorrendo a longuísima circunferencia da nave para manterse en forma.

Así me sinto, engaiolado –pechado nunha gaiola-, absorbendo por todos os poros do corpo a avalancha informativa sobre un tema de fe –fe, lembremos, é crer o que non vimos- con nome monárquico, con moitísimo máis poder que Donald Trump.

Mentres os meus veciños están rodeados de ferrados de corazón e fanegas de alma, intento poñer as miñas sensacións –negro sobre branco- para que cando isto sexa un mal recordo poida valorar liberdades e tranquilidade.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com