Stop Desafiuzamentos Lugo denuncia o “escrache” a unha familia por impago das cotas dunha comunidade

Dende Stop Desafiuzamentos Lugo amosamos o noso total apoio á familia que está a ser vítima da presión dalgúns veciños, incluído o escrache, por unha débeda coa comunidade que non pode pagar.

A situación actual desta familia, vítima da crise económica, é dramática. El afogado pola redución de vendas no seu negocio tivo que pedir unha póliza de crédito ao Banco Popular (absorbido agora polo Banco Santander) poñendo de aval a súa vivenda. Unha vivenda compartida coa súa muller, agora en paro, cun fillo tamén en situación de desemprego e unha nai de 91 anos que cobra a pensión mínima. Nai que, segundo a propia familia, está a sufrir o acoso por parte dalgúns veciños, por exemplo, chegando a impedirlle usar o ascensor para subir ao que é seu.

Actualmente a vivenda xa foi poxada, pero aínda non foi adxudicada por un defecto no proceso por parte do banco que resolverá a Audiencia, pero esta familia perderá tarde ou cedo a súa casa, e sen alternativa habitacional.

Dende a Plataforma sinalamos ao Banco Popular (agora Banco Santander) como cómplices desta situación ao negarse a buscar unha posible solución, entre mentiras e compromisos verbais incumpridos ata que chegou o embargo, sen importarlles a situación dos nosos veciños. Un crédito bancario que ademais contiña cláusulas abusivas.

Esta campaña de acoso por parte dalgúns veciños non ten como obxectivo que faga fronte á débeda, xa que non pode. Incluso a campaña reduciría esa posibilidade ao facer os escraches fronte ao seu negocio, o que lle prexudica para poder saír da súa situación tan precaria, a el e á súa familia. Polo que a campaña de acoso so está servindo para empeorar a súa situación económica e psicolóxica, fronte a outras medidas que poderían ir encamiñadas en demandar axuda ás institucións, ter presionado á banca ou en buscar outras fórmulas de apoio mutuo e solidariedade.

Denunciamos ademais que o principal instigador da campaña está a ser o secretario xeral da federación de industria do sindicato de traballadores Comisións Obreiras en Lugo, José Luis López, coa presenza no propio escrache dalgún compañeiro de referencia do sindicato; e que foi terceiro na lista por Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida nas últimas eleccións municipais. Facendo un mal uso das ferramentas de denuncia das inxustizas sociais para un aproveitamento persoal e ademais moi inxusto -chegando tamén a usar o seu poder mediático- para criminalizar a vítima fronte aos abusos do sistema, e de paso castigar a un veciño polo que case parecera unha inquira persoal.

Somos coñecedores de que os sindicatos maioritarios levan moitos anos alimentando a inmobilización social e pactando coa patronal, mentres hoxe, un dos seus asalariados en Lugo, usa as ferramentas do propio sindicato para exercer a forza coercitiva de arriba a abaixo, lonxe da solidariedade de clase que se lle presupón, e polo que tanto CCOO como Esquerda Unida deberan tomar medidas de forma inmediata e sen contemplacións.

Dende Stop Desafiuzamentos Lugo estamos acostumadas e acostumados a enfrontarnos á banca e aos fondos voitre, carroñeiros por natureza cos de abaixo, e tamén cos distintos gobernos, pero hoxe as sucesivas campañas mediáticas de criminalización da pobreza parece que están xurdindo efecto e están conseguindo que nos devoremos entre nós mesmos, ignorando que o inimigo non é a señora que non chega a fin de mes coa súa pensión ou a nai cun contrato precario a quen lle subiron o aluguer; o inimigo está arriba e é estrutural.

Por iso a nosa obriga é xuntarnos para lembrar que detrás de cada porta hai unha historia: xente que perdeu o traballo, desemprego, quebras, abusos hipotecarios… que lonxe do sinalamento por parte dos demais veciños e veciñas precisan empatía e conciliación, pois nós non podemos, nin queremos, reproducir as mesmas dinámicas deste sistema cruel e inhumano.

Debemos berrar ben alto contra quen nos afoga e non contra o afogado, sen esquecer que en calquera momento nós mesmos podemos converternos no “afogado escracheado”.


Texto: Plataforma STOP DESAFIUZAMENTOS LUGO

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Emilio Arias
    Xan 25, 2020 - 12:45 AM

    Ke non denuncien .ke poñan a pasta e listo

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com