Teixido será de novo o candidato do PP a alcaldía de Guitiriz

Xosé María Teixido repetirá como candidato do PP á alcaldía de Guitiriz tras unha reunión celebrada na tarde de onte cos afiliados no que foi elixido por unanimidade. O empresario preséntase á alcaldía convencido de que o Goberno do PSOE supuxo catro anos perdidos para o Concello “nos que todo se paralizou”.

A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, felicita ao partido por seguir unido e traballando por Guitiriz e valora “o traballo realizado ao longo destes catro anos por Teixido á fronte da oposición, ao tempo que o anima a recuperar a alcaldía para tratar de sacar ao Concello do declive no que o meteu o Partido Socialista”.

Recorda así mesmo que “durante o mandato do popular estabamos nun momento de recesión económica importante e que o PSOE está a recibir importantes  investimentos da Xunta que, cunha boa xestión municipal, darían outros resultados”.

Teixido reivindica a volta á alcaldía dun partido “estable e traballador” no que o centro serán os veciños e veciñas, “todo o contrario do que acontece coa alcaldesa, incapaz de alcanzar acordos con outros grupos políticos con representación municipal”. A súa prepotencia obriga sempre a tratar os asuntos por urxencia e impoñer o que ela quere, de maneira que non goberna pensando en Guitiriz senón só nuns poucos”, lamenta.

O popular critica que Regina Polín fixera oídos xordos ás propostas que aconsellaban que a Casa da Botica non é o emprazamento adecuado para a residencia de maiores e, defendendo a necesidade da súa construción, Teixido asegura que “a decisión da rexedora suporá unha hipoteca para o Concello que teremos que pagar todos os veciños e veciñas”.

Teixido aposta por traballar “para todos” e preocuparse porque “non se sigan perdendo empregos, en alusión ao recente peche de dúas empresas emblemáticas no municipio” e denuncia a inexistencia de xestión por parte dos socialistas no polígono industrial.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com