" />

Tráfico intensifica os controis na Mariña para asegurar que se cumpre o confinamento

Despois de que nas últimas horas a Consellería de Sanidade anunciara o peche da comarca da Mariña durante cinco días, ante o rápido aumento do número de casos de Covid-19, o subsector de Tráfico da Garda Civil da provincia, vén de intensificar os controis por estrada da entrada e saída de vehículos á comarca.

A medida, que entrou en vigor esta medianoite, non afecta da mesma forma á mobilidade no interior da comarca que non está restrinxida aínda que si o están os aforos da hostalería, que se reducirán ao 50%, e as reunións entre non convivintes, que non poderán superar as 10 persoas.

Outra das medidas que se introduciu esta medianoite é a relativa aos areais aos que poderán acudir os residentes na comarca sempre que fagan uso da máscara en todo momento agás no do baño.

Do mesmo xeito, axentes da Policía Nacional na comarca, advirten que tamén realizarán controis para comprobar que se cumpren as medidas adoptadas polo Goberno galego, do uso da máscara, dos aforos e, incluso, os horarios de apertura e peche dos establecementos.

Selectividade

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, confirmaba onte tamén o mantemento das probas da ABAU pese ao confinamento, dado que cumprirán, asegurou, as medidas de seguridade precisas. Os exames, que se realizarán en Viveiro, seguirán un protocolo “reforzado” estipulado pola Universidade de Santiago e valorado positivamente pola Dirección Xeral de Saúde Pública. O conselleiro pediu responsabilidade aos estudantes para procurar non celebrar de forma masiva o fin das probas de selectividade, para evitar o contaxio.

Exames de conducir

Do mesmo xeito en que Sanidade mantén as probas da ABAU, Tráfico vén de suspender os exames de conducir na comarca. A Xefatura Provincial de Tráfico informou hoxe da suspensión provisional destas probas, en consonancia do decreto da Consellería que establece medidas especiais para este territorio. Así, segundo indica a DXT, dende hoxe se suspenderán temporalmente os exames teóricos e prácticos para todo tipo de carnés de conducir no centro de Foz, nos que estaban previstas preto de 90 probas.


Imaxe de Arquivo

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo