Últimas intervencións da policia local de Lugo

Detención por agresión, ameazas de morte e resistencia

Sobre as 18.30h do sábado día 13, recíbese unha chamada ao 092, para que unha dotación da policía local se traslade á rúa Ulises Romero (Hula), onde un “gorrilla”, está a ameazar e coaccionar a un condutor cando este está a estacionar o seu vehículo. Pouco despois o devandito condutor ao ir a recoller o seu automobil, observa de novo ao gorrilla á beira do seu vehículo e ante o temor de volver ser ameazado avisa á Policía Local de Lugo.

Unha vez que a patrulla chega ao lugar, o gorrilla, “coñecido habitual da zona, mantén unha actitude desafiante e chulesca cos policías, e marcha do lugar dos feitos, logo de ser identificado. O individuo, faino camiñando polo centro da calzada, e solicitando diñeiro aos condutores de vehículos que nese momento circulaban polas inmediacións do HULA, negándose a subir á beirarrúa e obrigando en dúas ocasións a que os vehículos detivesen a marcha para non atropelalo, o home foi requirido en varias ocasións para que depuxera a súa actitude con resultado negativo, dirixíndose aos axentes con ameazas, e nun determinado momento, dá un forte empuxón a un dos policías impactando este, contra un vehículo estacionado, motivo polo cal se procede a detelo, non resultando doado por mor de que o citado individuo, ofrece importante resistencia”. Trasládaselle a dependencias policiais para cursar a correspondente denuncia non sen antes pasar polo PAC de Fingoi, onde “se tirou ao chan simulando un desmaio ata que fixo acto de presenza unha doutora, momento no cal se levanta coma se non pasase nada e volvendo ter unha actitude normal ante a devandita doutora” Hai que destacar que durante o traslado ás dependencias xudiciais “ vai golpeando o biombo de seguridade do vehículo policial e golpeando coa cabeza co portelo traseiro”. O individuo é identificado como “A.J.M., de 43 anos de idade, con varios antecedentes penais. Detención por agresión en violencia doméstica”.

Detido no Barrio de San Roque

Na tarde do venres día 12, procédese á detención do identificado como F.A.M.C., de 30 anos de idade, ao parecer sobre as 17.45 horas, prodúcese “unha agresión na rúa Primavera, onde unha muller chamou moi alterada á policía local, manifestando ser agredida polo seu fillo, o anteriormente citado”.

Desprazadas dúas dotacións ao lugar, apoiado pola unida de atestados, na entrada ao piso, “escóitase a unha muller chorando e unha voz de home gritando moito e moi alto. Acto seguido un dos axentes entrevístase a soas coa muller estando nun estado de nerviosismo moi alto, indicándolle que vive soa co seu fillo, o detido, que o piso está ao seu nome no contrato de alugueiro, que xa non pode máis co seu fillo porque todos os días chega bebido a casa e ponse moi agresivo con ela, que lle grita diariamente, insúltaa e ameázaa. Que no día de hoxe, non chegou a agredila pero si o mesmo de sempre o que fai que teña un estado de medo e nerviosismo moi elevado”. A esta muller ofréceselle ser atendida por un médico, pero rexeita o ofrecemento.

Intervención dunha arma de ataque

Na tarde do pasado día 11 de marzo, procédese á intervención dun bastón de fibra con punta de bronce e unha configuración oportuna para causar o maior dano posible en caso de golpear con el a unha persoa. Esta arma portábaa polo Camiño do Souto, un home que acababa de ser posto en liberdade logo de permanecer nos calabozos por estar implicado na operación que se levou a cabo en Mazoi. O individuo “presuntamente dirixísese ao lugar de residencia doutra familia rival, co fin de axustar contas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com