" />

Últimos 15 días para adaptar á legalidade os terreos de Ribadeo que aínda non o fixeron

O Boletín Oficial do Estado publica hoxe o anuncio do Concello de Ribadeo coas notificacións das fincas que seguen a incumprir a lei de incendios de Galicia. Desde que hai un ano o Concello iniciara este proceso para a limpeza de máis de 700 terreos que están preto de casas ou de núcleos de poboación, foron 408 os que actuaron. En total o 45% dos propietarios ou xa adecentaron as súas propiedades ou están a punto de facelo, pero aínda hai un 44% que está pendente de dar cumprimento á lei de incendios. Esas persoas dispoñen dun ultimato, trátase dun prazo de 15 días naturais para adaptar as súas parcelas á legalidade.

En caso de persistencia o Concello poderá proceder á execución subsidiaria con repercusión dos custes de xestión da biomasa e, no seu caso, decomiso das especies arbóreas retiradas pola Administración, sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda.

O alcalde, Fernando Suárez, contou que “este mércores sae publicado no Boletín Oficial do Estado un anuncio do Concello de Ribadeo onde estamos notificando unha serie de fincas que a día de hoxe seguen incumprindo a lei de incendios de Galicia. Hai que ter en conta que vai xa un ano, porque en outubro de 2017 desde o Concello de Ribadeo iniciamos esta acción tan importante para que o concello estivese adaptado correctamente á lei de incendios de Galicia, para que non houbera sustos e non houbera que laiar dramas no caso dun incendio forestal”.

O rexedor lembrou que “puxemos bandos, notificacións públicas e notificacións expresas aos particulares, houbo e hai unha atención mediática moi importante, e teño que dicir que fomos avanzando moito, pero a día de hoxe, como se ve neste anuncio do Boletín Oficial do Estado, aínda hai un bo número de parcelas de descoñecidos ou de xente que non recibe as cartas, ou que os enderezos que temos non son os adecuados e o servizo de Correos os devolve, ou hai alegacións que din que non son soamente as parcelas da súa titularidade senón que hai outros cotitulares. En definitiva con todas estas problemáticas estamos dando un novo e último prazo a todos estes propietarios para que fagan o que a maioría de propietarios estiveron e están a facer”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo