Un cambio que quizais salve vidas ben paga a pena, non si?

Con precisión case matemática, e coma se de un macabro ritual se tratase, a fin de semana de novo deixounos as tráxicas pegadas da violencia de xénero. As agresións, os asasinatos que segan as vidas de tantas mulleres son xa unha constante que semella que ninguén é quen de deter.

Eu, que non adoito ser precisamente parca en palabras, e aínda menos cando se trata de falar de algo tan tremendo coma a violencia machista, que a vivín na miña propia carne e aínda sinto a dor de cada muller case de xeito físico, teño que admitir que non sei que dicir. Soamente que sinto moita dor, moita indignación e, por riba de todo, unha enorme impotencia.

Cada vez que unha muller é asasinada, asistimos, ademais dos xa mais que manidos e cuestionables minutos de silencio, a unha nova vaga de “concienciacións”, a moreas de iniciativas xa non brillantes, senón case máxicas, por parte daqueles que se supón teñen as competencias e a obriga de atallar esta lacra que nos golpea de xeito inclemente.

Créanse observatorios, grupos de traballo, propostas de lei, idéanse campañas de sensibilización, e mesmo algún colectivo con ínfulas mesiánicas e uns máis que dubidosos obxectivos aproveita para ter o seu momento de gloria, sen o menor escrúpulo en aproveitarse da vulnerabilidade e da dor de moitas mulleres, pero o feito certo e irrefutable é que nos seguen matando.

Que é o que está a suceder?. Onde está o erro?. Porque é traxicamente evidente que algo se está a facer mal, que estamos fallando estrepitosamente.

Fálase moito da importancia da educación, a base, non cabe dúbida. De implicar a sociedade, que non acaba de entender , ou non quere facelo, que a loita contra a violencia de xénero é cousa de todos, que non se pode continuar mirando a outro lado. E case continuamente se está a falar de prevención, pero, as veces, eu non podo evitar preguntarme: Que entendemos exactamente por prevención?. Non estaremos esquecendo algúns aspectos fundamentais dela?.

Incidimos, por exemplo, na importancia vital de denunciar xa non unha agresión consumada, senón calquera amago dela, o primeiro que se produza.

Cando isto se consigue, e a propia vítima acude a facelo, non se ten en conta moitas veces o estado de shock no que se atopa, o bloqueo emocional que sufre e que lle impide expresar con toda a claridade que sería precisa o episodio que a levou a esa comisaría, episodio que será, ademais, e con toda probabilidade, a punta dun iceberg, un suceso que non é senón o colofón de todo un longo proceso de maltrato, de sufrimento e do pánico máis absoluto, pero que por si só, e unha vez chegue ao xulgado, posiblemente non terá o peso nin a relevancia precisas para que se diten as medidas que serían básicas para salvar a esa muller,

E iso no mellor dos casos, porque non sería estraño que esa mesma muller, chegado o momento de prestar declaración, e paralizada polo medo, pola dúbida de contar coa protección que precisaría, ou mesmo por esa dependencia emocional do seu agresor, se negase a declarar, co cal todo ese proceso de nada serviría.

O mesmo ocorrería de ser alguén coñecedor desa situación quen acude a denunciar, algo que non é moi frecuente, pero que cando aparece algunha desa especie de “rara avis” que cumpre co seu deber, ve, impotente, que se a vítima non é quen de declarar, de nada vale a súa implicación nin a súa vontade de axudar, porque a lei, esa lei que se supón, está para que se faga xustiza e, por riba de todo, para protexernos, o deixa moi claro.

Así as cousas, eu plantéxome o seguinte, e acaso sexa unha tontería, pero penso que é simplemente cuestión de sentido común: Xa que tanto falamos de prevención, non sería lóxica pura que, cando por máis que a vítima non estea disposta a declarar, no momento no que haxa indicios máis que razoables para supoñer que corre perigo, algo que sucede moi a miúdo, ou alguén do seu entorno o confirme, se diten unhas medidas que minimicen, porque xa sabemos que eliminalo por completo é imposible, o risco para a súa vida, por moito que ela se negue?.

Que sentido ten toda esa parafernalia que se monta ante cada asasinato machista, se a base, que é o fundamental, é tan endeble, tan precaria, que a súa rotura é a crónica dunha morte anunciada?.

De que prevención estamos a falar, se non se actúa mais que ante feitos consumados, ou, mellor dito, ante asasinatos consumados?.

As leis están pensadas e feitas por seres humanos, seres, polo tanto, susceptibles de errar, ou dito doutro xeito, as leis poden modificarse, non son dogmas de fe, e ata eses se poden mudar.

Cantas vidas máis se ten que cobrar a violencia machista para que, aqueles que teñen a potestade de facelo, contemplen a posibilidade de modificar algo que a todas luces non está funcionando?.

Falamos de salvar vidas. Paga a pena tentalo, non si?.

Marta Rodríguez Engroba

Asociación Si, hai saída

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo