Un lustro de poesía guitirica

Pasaron cinco anos dende aquel 3 de outubro de 2015 no que se homenaxeaba a Díaz Castro na igrexa dos Vilares polo 25 cabodano do seu pasamento xuntando a oito poetas de Guitiriz baixo o paraugas do nome do acto de homenaxe ao bardo: “Afillad@s de Pepe”.

Alí, previo ao recital poético fixeron uso da palabra a daquela alcaldesa Regina Polín, Xulio Xiz, man Castro, Alfonso Blanco e Armando Requeixo, que nun fermoso manifesto deu nome a aquel grupo: Nova Poesía Guitirica NPG.

Aquel pequeno grupo poético de mozas e mozos de Guitiriz que se tiña xuntado para un único acto, consolidouse nestes anos como unha agrupación poética de referencia en Galiza, promovendo e participando en recitais e actos poéticos, impulsando actividades e certames, e impulsndo publicacións dixitis e físicas e ten medrado na súa composición até acadar 30 componentes dos máis variados estilos poéticos ademáis de ter sumado tamén artistas da música e das artes plásticas. Nomes referenciais da poesía como María Xosé Lamas, Miguel Barrera, Luz Campello, André da Ponte ou Luz Darriba conviven con outros menos coñecidos nun colectivo que é referencial no país entre outras agrupacións poéticas de base coas que estableceron lazos de colaboración.

A NPG foi quen nestes cinco anos de manter viva a chama poética de Díaz Castro en e a imaxe de Guitiriz en Galiza como concello poético evitando así a tendencia de esquecemento no lugar de orixe de moitos homenaxeados das Letras Galegas que pasado o seu ano, pasaron ao esquecemento.

A Nova Poesía Guitirica anuncia agora a celebración o 12 e 13 de xuño de 2021 do I FESTIVAL DE POESÍA GUITIRICA, que sumado á revitalización do Prémio Díaz Castro de poesía que se pretende dende o goberno local, colocará novamente a Díaz Castro e a Guitiriz a través da poesía no epicentro literario galego cda segunda fin de semana de xuño no noso país e mesmo fóra. Longa vida á poesía guitirica!


Texto: Antón Tenreiro Ferreiro (Antón de Guizán)

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com