Un programa de axudas potenciará a dixitalización e modernización do pequeno comercio

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou hoxe que a Xunta activará nas vindeiras semanas un programa de axudas por valor de 3,8 millóns de euros para impulsar a dixitalización e a modernización de empresas comerciais e artesanais. Así o adiantou nun encontro networking con autónomos e emprendedores dos concellos da Mariña e de Foz, organizado en colaboración co Concello de Foz e Federación de Comerciantes da Mariña.

O conselleiro salientou que, con este novo paquete de axudas ao comercio, os beneficiarios poderán desenvolver proxectos de modernización integral de locais ou implantar novas fórmulas de comercialización. En total, dixo, este ano a Xunta vai destinar 14,6 millóns de euros de xeito específico a este sector para beneficiar a máis de 6000 establecementos.

Como novidade, resaltou que se destinarán máis de 600.000 euros a promover a ecoinnovación, buscando a sustentabilidade ambiental e aposta por un sector comercial ligado ao coidado do contorno. Activarase outra partida de 500.000 euros para a creación de laboratorios dixitais que permitirán asesorar e guiar ao sector no proceso de dixitalización. E seguirase colaborando activamente coas federacións e asociacións de comerciantes, que desenvolven un papel clave na posta en marcha de estratexias e actuacións conxuntas.

Conde destacou que o comercio está a vivir un momento de fondos cambios no que o  comercio de proximidade ten que dar resposta ás novas demandas e preferencias dos consumidores, achegando novos servizos e produtos. Este sector, dixo, é un dos principais activos económicos da Mariña.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com