Reixtro Civil

Un xulgado condena a tres anos e medio de cárcere a un home que gravou a unha muller mentres mantiña relacións sexuais

O Xulgado do Penal número 1 de Lugo condenou, como autor dun delito de descubrimento e revelación de segredos, a tres anos e medio de cárcere a un home que gravou a unha muller mentres mantiña relacións sexuais no seu domicilio. Con posterioridade, mostrou o vídeo a outra persoa e cedeullas ao home que mantiña relacións sexuais coa vítima, quen tamén foi condenado, como autor do mesmo delito, a dous anos de prisión, pois enviou, a través dun teléfono móbil, a gravación a unha terceira persoa.

A maxistrada destaca na sentenza que o delito de descubrimento e revelación de segredos “non precisa para a súa consumación o efectivo descubrimento do secreto ou, no presente caso, da intimidade, pois basta a utilización do sistema de gravación da imaxe coa finalidade de descubrir os segredos ou vulnerar a intimidade”. Así, incide en que o tipo básico do delito se consuma “polo só feito da captación das imaxes da vítima, coa finalidade de vulnerar a intimidade”. Desta forma, lembra que o delito de descubrimento e revelación de segredos, tipificado no artigo 197.1 do Código Penal, se refire ao que “para descubrir os segredos ou vulnerar a intimidade doutro, sen o seu consentimento, se apodere dos seus papeis, cartas, mensaxes de correo electrónico ou calquera outros documentos ou efectos persoais, intercepte as súas telecomunicacións ou utilice artificios técnicos de escoita, transmisión, gravación ou reprodución do son ou da imaxe, ou de calquera outra sinal de comunicación”.

O feito de que ditas imaxes se difundan, se revelen ou cedan a terceiros supón unha agravación dese tipo básico. Por iso, o artigo 197.3 -parágrafo primeiro- prevé a imposición dunha pena agravada se “se difunden, revelan ou ceden a terceiros os datos ou feitos descubertos ou as imaxes captadas”.

Na sentenza, a xuíza explica que os feitos imputados á persoa que mantiña relacións sexuais coa vítima e que difundiu o vídeo son constitutivos dun delito de descubrimento e revelación de segredos tipificado no artigo 197.3 -parágrafo segundo-, que castiga ao que, con coñecemento da súa orixe ilícita e sen tomar parte no seu descubrimento, difunda, revele ou ceda a terceiros os datos ou feitos descubertos ou as imaxes captadas.

A maxistrada resalta na resolución que o requisito da difusión se cumpriu cando, sen autorización da afectada, “se iniciou a cadea de difusión, sendo indiferente que a imaxe se remitira a unha ou máis persoas”. Desta forma, a xuíza argumenta que o transcendente é “que as imaxes cheguen ao coñecemento de terceiros, independentemente de que se mostrasen a unha soa persoa”.

“Resulta contrario ás regras da lóxica e á intención do lexislador, a esixencia dunha difusión masiva en redes sociais de uso xeneralizado ou a difusión simultánea a máis dunha persoa por parte do receptor das imaxes”, salienta na sentenza, en resposta ás alegacións das defensas. Contra a resolución cabe presentar recurso.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com