Unanimidade dos empresarios na defensa dunha Cámara de Comercio en Lugo

Os empresarios de Lugo apoian de forman unánime a continuidade do ente cameral provincial. Así se puxo de manifesto nas diferentes reunións convocadas pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) para pulsar a opinión do empresariado provincial sobre este asunto, entre elas o encontro con presidentes de asociacións que tivo lugar hoxe na sede central da organización empresarial.

Os diferentes órganos directivos da CEL (Consello de Administración, Consello Asesor, Xunta de Presidentes e Xunta Xeral), deron un veredicto unánime e sen fisuras: unha entidade como a Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Lugo con 122 anos de historia, non pode desaparecer sen máis e ser as súas funcións xestionadas desde outras provincias.

“É por elo que se tomou a decisión de presentar candidatura ás próximas eleccións do ente cameral a fin de tomar as súas rendas e evitar a disolución. Para a confección desta candidatura está a traballarse desde hai semanas: xa é firme o compromiso dun número importante de empresarios e formalizarase en breve”.

Dende a CEL destácase que a lexislación aprobada a nivel estatal e autonómico respecto das Cámaras resulta contraditoria: “elimináronse as cotas obrigatorias pero reforzouse o seu papel como interlocutores do empresariado e mesmo prestadoras de servizos empresariais. E este marco normativo, queda claro que as Cámaras desenvolverán un papel que, para a CEL, non pode exercerse á marxe das organizacións empresariais, que son as que libremente constituídas representan aos empresarios”.

Asemade, no caso de Lugo, “as funcións do seu Cámara, de ser disolta, serían exercidas desde entes doutras provincias, respondendo deste xeito a intereses empresariais e territoriais alleos aos do empresariado de Lugo. Os empresarios lucenses lembran que unha situación similar vívese coa Autoridade Portuaria Ferrol San Cibrao, cuxa xestión desde Ferrol deriva en que non se reverta nos portos lucenses o que realmente se ingresa a traveso destes. Lembran igualmente a situación en varios aspectos-marxinal- que ten a provincia, á que non se escoita desde hai tempo en cuestións como dotación en infraestruturas ou investimentos crave, o que non fai senón agravar o desigual desenvolvemento social e económico que vén arrastrando desde tempos seculares”.

Sirva de exemplo que as primeiras reclamacións da Cámara tras a súa constitución, en 1893, foron “a concesión dun fío telegráfico directo desde esta capital a Madrid ou solicitar a creación dun ferrocarril para unir Lugo con Ribadeo. Para as empresas de Lugo, desafortunadamente, non se avanzou tanto como para que na provincia non sigan sendo necesarias este tipo de peticións”.

Os empresarios lucenses consideran que a desaparición da Cámara de Lugo no momento actual, coa actual regulación e funcións destas institucións, “será un símbolo máis da brecha cada vez maior que se abre entre esta provincia e o eixo atlántico, e unha dificultade engadida ao duro camiño que as empresas de Lugo han de percorrer para nacer, crecer e xerar riqueza desde este territorio”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com