Varias vilas da Fonsagrada continúan incomunicadas, sen luz e sen teléfono

Moitas vilas da Fonsagrada levan dende o pasado sábado pola noite coas principais vías de acceso cortadas polos árbores derrubados polo temporal de neve, sen luz eléctrica, teléfono e internet.

A falta de previsión e a tardía resposta das distintas administracións e empresas subministradoras, sen coordinación entre elas e con escasos medios para facer fronte a este temporal , están provocando que sigan moitos lugares illados pola neve e as vías cortadas e centos de veciños e veciñas incomunicados nas súas vivendas. Así o denunciaba este mediodía o BNG da localidade.

Os danos e consecuencias deste temporal son moitos e moi gravosos para as familias, as explotacións agrarias e os negocios no rural. A falta de subministro eléctrico implica, en moitos casos, non ter servizo telefónico, internet, etc. Provoca, en moitos casos, múltiples perdas en conxeladores de negocios e vivendas. É moi grave, ademais, en casos onde hai enfermos encamados que necesitan osíxeno ou outras terapias.

“As consecuencias deste temporal  poñen de manifesto o abandono que padece o noso medio rural”. A falta de limpeza das franxas de protección das estradas da Xunta, da Deputación e do Concello, provocou que o derrube de árbores pola neve trancaran moitos tramos destas vías deixando moitos lugares incomunicados, e dificultando as labores de limpeza da neve, a reposición do subministro eléctrico, telefónico e de internet, e a prestación de servizos imprescindibles como os sanitarios, atención social e educativos.

O BNG reclama da Xunta, Deputación e Concello, medidas urxentes para rematar co illamento que aínda padecen moitos veciños e veciñas do concello da Fonsagrada e que, en contacto coas persoas afectadas, establezan medidas para compensar os danos sufridos. “Tamén demandamos que se poñan os medios necesarios para previr e impedir que os efectos e os danos de temporais como este non teñan tan graves consecuencias”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com