Veciños da Pastoriza denuncian altas agardas para ser atendidos polo médico de cabeceira

Veciños da Pastoriza denuncian novamente diante do Servizo Galego de Saúde os “graves problemas” que teñen para seren atendidos no Centro de Saúde da localidade desde que se xubilou este verán un dos tres médicos de atención primaria que había, unha redución na prestación sanitaria que se engade aos problemas existentes na atención pediátrica e no servizo de urxencias no PAC de Meira.

Nun escrito dirixido ao xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, co que xa se reuniron o pasado 16 de outubro (comprometéndose este a solucionar o problema, algo que a día de hoxe non se ten producido), os presidentes de 5 asociacións de veciños do concello, pertencentes ás parroquias de Úbeda, Lagoa, Álvare, Reigosa e Rigueira, explican que “a praza do terceiro médico, que se viña cubrindo de xeito temporal, non será cuberta durante este mes de decembro, segundo informan no propio Centro de Saúde no momento de pedir a cita, polo que só quedan 2 médicos para atender a 3.000 pacientes que hai no concello, producíndose esperas de até unha semana para poder ser atendidos por un dos facultativos”.

“Citas pedidas este luns quedaron fixadas para o xoves e citas pedidas o martes foron postas para o martes da semana que vén, de xeito que no momento de maior demanda de todo o ano, debido aos catarros, gripes e afeccións víricas típicas do inverno, xunto coas necesidades ordinarias do servizo, a atención médica nun concello rural como o da Pastoriza queda claramente desatendida, situación que se agrava debido á alta taxa de avellentamento da poboación municipal, factor que nesta época do ano é determinante e fai que a demanda de servizo médico aumente exponencialmente”, afirman.

Por iso, no escrito rexistrado este pasado luns, os veciños demandan á Xerencia do Sergas “que dea solución a este problema á maior brevidade, posto que a calidade do servizo se ve mermada, entre outras causas, con longas esperas para ser atendidos os pacientes na consulta e coa saturación dos facultativos que están dando cobertura a todos os veciños”.

Os veciños lembran que logo de teren denunciado xa esta situación no mes de setembro e teren solicitado unha reunión co conselleiro de Sanidade, foron recibidos polo xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o pasado 16 de outubro, que se comprometeron a cubrir definitivamente a praza do terceiro médico no Centro de Saúde da Pastoriza. “Pero non só non se cubriu a día de hoxe esta praza, senón que a situación vivida estes días volve xerar incertidume na veciñanza ao sospeitar que a intención real do Sergas é eliminar a praza, ao contrario do que tiñan prometido”, sospeitan os veciños.

No que se refire á atención pediátrica, lembran que o concello da Pastoriza conta co servizo de pediatra compartido co concello de Meira, estando dous días á senama o pediatra no centro médico da Pastoriza e tres no de Meira. Pero cando o pediatra titular colle vacacións ou está de baixa queda a praza descuberta, tal como aconteceu a semana pasada.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. José Manuel González Díaz
    Dec 12, 2019 - 07:03 PM

    Toda a terra e país, queixas seguidas da sanidade pública, mangoneada por dous PePeiros con muí poucas luces.

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com