Viesgo invertirá en Lugo 71,4 millóns de euros ata 2021

Lugo acolleu esta mañá a Xunta Xeral de Accionistas de Begasa, empresa participada nun 99,89% pola firma nacional Viesgo. Unha Xunta Xeral na que se aprobou o informe de resultados correspondente a 2017, segundo o cal Begasa obtivo un beneficio neto de 23 millóns de euros no devandito exercicio grazas aos plans de eficiencia desenvolvidos pola compañía.

Ademais, presentáronse outros indicadores da situación da empresa, centrándose de forma especial nos principais investimentos realizados, os proxectos futuros, a calidade de subministración e de servizo, a aposta pola innovación e os índices de seguridade e saúde no traballo.

Segundo sinalou Miguel Antoñanzas, presidente de Begasa e da súa empresa matriz Viesgo, “realizamos un constante esforzo investidor para mellorar a subministración eléctrica na zona, destinando a este obxectivo máis de 184 millóns de euros no últimos dez anos. En concreto, en 2017 a compañía destinou 21 millóns de euros ao desenvolvemento e mantemento da súa rede de alta, media e baixa tensión, así como a proxectos de IT e innovación”.

Respecto da mellora das infraestruturas, nos últimos 20 anos duplicáronse as subestacións de 132 kV que fornecen enerxía eléctrica aos clientes de Begasa, pasando de ter 5 subestacións de 132/20 kV a 11 subestacións. Realizouse unha profunda transformación da rede de distribución de enerxía eléctrica na zona co obxectivo de incrementar a súa solidez. Isto redundou nunha mellora continua da calidade de subministración, cuxos índices foron extraordinarios en 2017.

A compañía segue investindo na mellora de subministración eléctrica e o servizo que presta en Galicia a través da súa rede de 10.000 quilómetros. Así, para o período 2018-2021, o plan industrial de Begasa na comunidade autónoma prevé un investimento de 71,4 millóns de euros dirixidos a brindar un servizo aínda mellor aos seus máis de 170.000 puntos de subministración. De entre os proxectos novos ou xa en curso que Begasa prevé despregar en 2018 en Galicia, cabe destacar o proxecto da subestación de Barreiros e a renovación do control da subestación de Magazos, así como a construción de 6 km das liñas de media tensión de Ribadeo e de 14,5 km da liña de 132 kV Ludrio-Meira.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com