Vilalba Aberta denuncia a vulneración dos dereitos laborais na adxudicataria do SAF

Vilalba Aberta defenderá no vindeiro Pleno do Concello vilalbés unha proposta de control municipal: a fin da  fiscalización dos servizos públicos externalizados polo Goberno do Partido Popular no Concello de Vilalba. Unha decisión de urxencia, ratificada na súa asemblea logo de teren coñecemento a través dunha denuncia anónima, do proceder en materia laboral da adxudicataria en Vilalba do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Dende a agrupación asamblearia alertan do continuado incumprimento do convenio, festivos non retribuídos e quilometraxes á conta dos traballadores, coma prácticas asumidas con total normalidade pola empresa Virxe do Carme, e ás que tal e como apuntaban hoxe na súa comunicación á prensa, cómpre sumarlle a da existencia de  represalias contra todas aquelas traballadores que denuncian. Unha realidade que acendeu todos os sinais de alarma no seno da formación, por afectar nin máis nin menos que a unha concesión de servizo recentemente prolongada e que se viu confirmada logo de contrastala, aos días, coa situación das traballadoras/es baixo nómina da devandita empresa no veciño Concello de Xermade.

Neste senso se pronunciaba hoxe o seu voceiro, o edil Modesto Renda, que ao tempo que lamentaba que a defensa e potenciación do público, dende un funcionamento eficiente e eficaz como garante da redistribución e satisfacción real da renda e os dereitos sociais do conxunto dos veciños non forme parte da folla de ruta deste Goberno Municipal, lembrou que “a aposta decidida do Goberno polo modelo de xestión privada sobre os servizos públicos, non o exime da súa responsabilidade, atribuída por lei, como garante da súa xestión”. Responsabilidade, que para o edil asembleario “lle impón ao Goberno municipal unha serie de obrigas que non rematan no proceso de contratación, pois continúan ao longo da vida dun contrato, durante o cal o equipo de goberno debe velar polo bo cumprimento e desenvolvemento do servizo”.

É por isto que defenderá a fiscalización continuada das concesións administrativas e maila posta en marcha de controis municipais eficaces, coma “a última trincheira fronte á conversión do modelo de xestión indirecta nunha realidade de privatización definitiva encuberta”. Na mesma liña, a atención ás cláusulas que rexen o contrato e o regulamento de servizo resulta,para Renda, “o derradeiro garante tamén da súa calidade e control en termos de contratación e dereitos laborais, así coma de cara á aplicación da lexislación vixente na materia”.

“Falamos, cómpre recordalo, dunha grande parte do orzamento municipal transferida a mans privadas e cuxa xestión, en ningún caso, é coñecida pola veciñanza. Servizos públicos, responsabilidade dunha administración – o Concello – que delega o cumprimento das condicións laborais duns traballadores e traballadoras que, aínda non mantendo unha relación laboral co mesmo, son quen de facto prestan un servizo que afecta as persoas de Vilalba”, sentenciou.

Neste senso, dende a asemblea de Vilalba Aberta consideran de absoluta urxencia a posta en marcha de procedementos de control e de avaliación ao respecto dos servizos públicos, pois argumentan, son os representantes públicos e non outros, os encomendados a adaptar e perfeccionar os mecanismos oportunos, a fin de garantir que a prestación dos servizos municipais responda e sexa eficaz para atender as necesidades básicas da poboación á que están suxeitos e ao máis estrito cumprimento dos dereitos laborais de todos e cada un dos traballadores/as encargados de os materializar.

Unha proposta, que pretende a presentación por parte do Concello dun informe anual de seguimento e control de todos os servizos externalizados, incluíndo os resultados técnicos e económicos, grao de cumprimento dos obxectivos previstos, das obrigas de contrato e en materia laboral, así coma das actas das reunións conxuntas e/ou comunicacións entre Concello e empresa, incidencias, etc.

Na mesma liña, dende Vilalba Aberta propoñerán aos grupos con representación na corporación a posta en marcha dun un “Observatorio Municipal dos Servizos” de carácter consultivo, que teña entre os seus labores o control, seguimento, valoración e propostas de mellora dos servizos públicos municipais. Este, estaría formado polos voceiros dos Grupos, técnicos municipais e representantes sindicais das empresas concesionarias.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com